O sector pesqueiro galego, o máis afectado tralas negociacións sobre o Brexit

A Xunta solicita que Galicia teña representación directa na repartición das cotas pesqueiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou este martes por videoconferencia na 64ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).

A Xunta solicitou neste encontro ao Goberno central que estableza as fórmulas necesarias para que Galicia teña representación directa na negociación sobre a repartición das cotas pesqueiras que lle corresponden á UE en augas británicas, dado o peso da comunidade galega neste sector no conxunto de España.

Alfonso Rueda trasladou no encontro que o sector pesqueiro é o máis afectado na comunidade galega tras as negociacións sobre o Brexit e defendeu a necesidade de definir un marco de traballo co que defender os intereses das 1.700 persoas que faenan nos 150 buques galegos en augas británicas, e do conxunto dos pescadores españois.

Neste sentido, o Goberno galego lamentou que se empregue o sector da pesca como "moeda de cambio" para conseguir un acordo xeral que regule a relación comercial entre a Unión Europea e Reino Unido. Deste xeito, mentres que os produtos derivados da pesca británicos poderán entrar na UE sen aranceis, Galicia "verá limitada a súa capacidade de pesca" despois de que se acordase ceder o 25% do valor das capturas europeas ao Reino Unido ata 2026.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que este acordo supón unha "nova redución da actividade da frota galega" en augas do Gran Sol, do mesmo xeito que se produciu en 1986 coa adhesión de España á Comunidade Económica Europea, cando Galicia "tivo que sacrificar o 70% da frota pesqueira que tiña nestes caladoiros". Ademais, advertiu de que a esta situación súmaselle "a incerteza do que ocorrerá a partir de 2026 cando haxa que renegociar as cotas pesqueiras e a UE xa non teña unha posición de forza para negociar debido á entrega do acceso ao mercado europeo dos produtos mariños británicos".

Actividade pesqueira en barco pesqueiro. CEPESCA
Actividade pesqueira en barco pesqueiro. CEPESCA

GOBERNO CENTRAL

A ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya e a titular de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, presidiron este martes a reunión da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE) para informar os conselleiros autonómicos sobre os "cambios de gran alcance" que suporá o acordo alcanzado entre a UE e o Reino Unido sobre o Brexit.

"Levamos a cabo moitas actuacións, primeiro, reforzando o persoal en todos aqueles ámbitos en que era necesario, como Estranxeiría, Sanidade Exterior, os PIF, ademais, aprobamos hoxe un decreto no Consello de Ministros para facer fronte ao Brexit", destacou Darias.

Pola súa banda, González Laya informou do acordo alcanzado de relación futura entre a UE e o Reino unido. Neste sentido, a ministra informou da situación sen precedentes que supón a retirada de Reino Unido da UE e que dará lugar a "cambios de gran alcance en múltiples aspectos da nosa relación con Reino Unido, que afectarána a cidadáns, operadores económicos e administracións".

Así, valorou o acordo en materia comercial, que inclúe seccións importantes para España, como en contratación pública, pequenas e medianas empresas, comercio dixital, propiedade intelectual e servizos e investimentos. En conectividade aérea, en prestacións sanitarias, en agricultura e, sobre todo en pesca, o acordo é "favorable para os intereses españois".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta