Deficiencias no rastrexo da covid: “chamo ao Sergas e dinme que non saben onde está a miña PCR”

Probas que se perden, positivos que ninguén rastrexa, pacientes con dúas PCRs nunha soa semana e outros obrigados a loitar para conseguila... estes son algúns dos "erros" na loita do Sergas contra a covid.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2021 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Tempo de incerteza con respecto á Covid-19. Galicia deixa atrás o ano 2020 a cabalo entre a euforia das primeiras vacinas e o temor xerado pola ameaza dunha terceira vaga. Aínda que nas últimas semanas o ritmo de contaxios se mantivo, os expertos advirten do risco dunha nova repunta, que podería elevar as cifras de falecidos presentadas polo Sergas.

As denuncias de pacientes abranguen dende a coordinación entre Sergas e mutuas privadas ata a reticencia a facer probas PCR, como as da imaxe.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
As denuncias de pacientes abranguen dende a coordinación entre Sergas e mutuas privadas ata a reticencia a facer probas PCR, como as da imaxe.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A ninguén escapa que esta terceira estocada da covid, de producirse, terá moito que ver coas reunións familiares celebradas nas últimas semanas. O endurecemento das medidas permitiu un retraemento dos contaxios que, todo apunta, axiña podería tocar á súa fin como consecuencia desta renovada relaxación. Non significa isto que a redución dos contaxios se deba en exclusiva ás restricións da Xunta. Galicia Confidencial xa recolleu en ocasións anteriores algúns dos recursos empregados pola administración de Feijóo para ofrecer unha imaxe máis benigna do que en realidade acontecía na pandemia.

En calquera caso, Galicia camiña polo fráxil equilibrio das vacinas cun sistema de rastrexo e seguimento que presenta numerosas deficiencias. Cando menos, esa é a conclusión que se desprende dunha serie de testemuñas ás que tivo acceso GC, e que relatan numerosas inconsistencias por parte do Servizo Galego de Saúde. En conxunto, a imaxe trasladada por estes pacientes é a dun servizo de rastrexo no que o protocolo e a práctica diaria non van sempre da man.

POSITIVOS SEN RASTREXADOR

Alberto, pai de familia da área sanitaria de Santiago, pode dar conta deste mal funcionamento. A mediados de decembro a súa muller deu positivo, tralo cal tanto el como os seus dous fillos adolescentes se viron obrigados a facer corentena. A sorpresa chegou cando viron que o Sergas destinaba rastrexadores para todos os membros da familia agás a persoa contaxiada. “Á positiva, que é miña muller, non lle fai o seguimento ninguén; e eu teño que estar pendente día a día de tres chamadas que nunca coinciden”, explica.

Maiores foron as complicacións de Olaya, unha nai de familia da área sanitaria da Coruña que vén de pasar 41 xornadas en corentena, dez delas no hospital. Segundo explica a afectada, ao longo desas case seis semanas de calvario tiveron que soportar unha multidude de problemáticas na interacción co Sergas que a deixan cunha conclusión ben clara: “Que despois de tantos meses siga habendo estes erros, que funcione tan mal... non no lo explicamos”.

A desventura particular de Olaya comezou no pasado mes de novembro, cando o virus entrou na casa da man do seu home. O primeiro golpe chegou cando o servizo sanitario accede a facerlle probas ás súas fillas pero non a ela. “Explicáronme que non era necesario porque eu non tiña síntomas”, explica, “pero é que elas tampouco tiñan”. Ante esta circunstancia decidiron reclamar, atopándose coa que sería “a frase do ano”: “‘é o que marca o protocolo’, dicían”.

“Xusto ao día seguinte” Olaya comeza a dar síntomas e, entón si, fanlle a PCR, que resulta positiva. “Nos primeiros días estiven como se fora un catarro”, explica, pero unhas xornadas máis tarde tivo que ingresar por complicacións respiratorias. A muller, que padece asma, explica que pasou un tota de 10 días no hospital. Ao saír, os sanitarios infórmana de que debe facer –xunto coa súa familia—un confinamento de 15 xornadas máis.

SEN SEGUNDA PCR

“Dende o minuto un había moita présa en darnos de alta sen a segunda PCR”

Aquí dá comezo o segundo capítulo das dificultades atravesas por esta familia. Pouco antes de deixar o hospital, a muller acordou coa súa doutora de cabeceira que, rematada a corentena suplementaria, se lle practicara unha PCR para comprobar que era negativa.  O conflito chega cando, coa alta, deciden cambiarlle a médico de cabeceira “sen previo aviso”. A nova doutora que lle adxudicaron “non consideraba necesario” facer a PCR. “Dixéronme que despois dun mes [da primeira PCR] podía saír ‘con tranquilidade’, xa que ‘era moi raro’ que seguira sendo positiva”.

Por sorprendente que semelle, o Sergas non considera que sexa preciso contar cunha segunda PCR negativa para retomar vida normal: é dicir, que chega con cumprir a corentena establecida. Ese foi o protocolo aplicado a Olaya, que, a dous días de finalizar o seu encerro, comezou a atoparse mal de novo. A muller tivo que acudir de novo a urxencias, onde lle fixeron unha proba serolóxica na que volveu dar positivo. Todo despois de que a doutora de cabeceira se negara a practicarlla. “Dende o minuto un había moita présa en darnos de alta sen a PCR de confirmación”, resume.

2 PCR NUNHA SOA SEMANA

A falta de comunicación é outra das críticas que vertebra a denuncia de Olaya. No seu caso, a problemática tivo lugar entre a mutua que asegura ao seu marido e o Sergas. A segunda PCR do seu home saldouse, novamente, con resultado positivo. Porén, o mesmo día en que reciben este diagnóstico –“unha hora despois”— chégalles tamén unha mensaxe da mutua anunciando que veñen de pedir a alta ao Sergas. Pouco antes comunicáranlle á compañía que a muller do asegurado seguía positiva, pero dende a mutua “non vían necesaria a corentena”, segundo relata a muller. 

Esta mesma deficiencia nas comunicacións déixase ver na testemuña de Inés, unha moza veciña da área sanitaria de Santiago. Ao traballar na hostalaría, foi citada para unha PCR no marco dun cribado aplicado a todo o sector do seu concello. O problema chegou cando, “ao día seguinte”, recibiu outra convocatoria para unha nova PCR; desta vez por ter entre 16 e 45 anos. “Cando me citaron da segunda vez aínda estaba agardando o resultado da primeira”, explica. “Vexo incoherente que se me fagan dúas probas cando poderían citar a outra persoa no meu lugar para o cibrado”, conclúe.

PROBAS PERDIDAS

Problemática paralela foi a de Manuel, un mozo da área de Vigo que estuda en Barcelona. No pasado mes de decembro, ao regresar á casa dos pais, decidiu inscribirse no rexistro de viaxeiros que ofrece o Sergas  para facer a proba e comprobar se era ou non positivo. Así, someteuse á PCR o martes 22 para tentar ter os resultados de cara ás festas de Nadal. 

Nada máis lonxe. Unha semana despois de pasar pola PCR Manuel seguía sen noticia dos sanitarios. “Hoxe chamei a Sergas e fixeron o de sempre: pasarme de persoa en persoa ata que me dixeron que non sabía onde estaba a PCR nin o resultado”, explica. “Co resultado estaría máis tranquilo, pero sen el non puiden nin abrazar á avoa”. Finalmente, e tras unha nova chamada ao hospital, os sanitarios conseguiron dar co seu diagnóstico: negativo.

Outro estudante chamado Manuel, pero desta vez da área sanitaria de Ourense, decidiu pedir a PCR para “poder estar tranquilo no Barco coa miña familia”. A diferenza do caso da área viguesa, o rapaz ourensán non recibiu resposta do Sergas ata 7 días despois, en Noiteboa. A protesta de Manuel, porén, veu dada porque o Sergas o convocou “no mesmo día” para realizar a proba “a máis de 100 quilómetros do seu domicilio”, en Ourense.

O mozo explica, neste sentido, que “non entende” por que o obrigaban a se desprazar 200 quilómetros cando o protocolo manda que as PCR se realicen “no centro de saúde máis próximo”; xa que no Barco, destaca, si dispoñen de servizo de PCR con probas xa programadas. A conclusión a estes casos pona Olaya: "con actuacións así non paramos o virus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta