Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 20:39
Outras doce persoas diagnosticadas con coronavirus faleceron en Galicia nas últimas horas, o que eleva o cómputo de vítimas da pandemia na Comunidade galega a 1.462. Con todo, catro delas son as que o Sergas estaba pendente de confirmar este domingo.
En concreto, segundo trasladou a Consellería de Sanidade este domingo, trátase de sete mulleres e cinco homes que permanecían ingresados en distintos hospitais galegos. Todos eles tiñan patoloxías previas. "Estes falecidos corresponden tamén ao reconto de fin de semana realizado por Saúde Pública e que hoxe se actualizaron tras comprobar que faleceran por covid", apuntou nun comunicado.
As mortes pendentes de confirmar tiveron lugar no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, onde faleceron dúas mulleres de 88 e 76 anos, respectivamente. Ademais, a este cómputo sumouselle a morte doutra muler de 87 anos. O mesmo aconteceu con outras dúas vítimas mortais no CHUVI de Vigo, dous homes, neste caso, de 83 e 67 anos de idade que o Sergas confirmou que morreron pola covid. Tamén en Vigo, faleceu unha muller de 92 anos procedente da Residencia Moledo de Vigo.
No CHUS de Santiago morreron dous homes de 93 e 84 anos. Os catro falecidos restantes producíronse en Xove, na residencia San Bartolomé (un home de 84 anos), na residencia DomusVi de Vimianzo (un home de 95 anos) e dúas mulleres de 87 e 104 anos que faleceron nos seus domicilios en Pontevedra e Verín, respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.