A Xunta ve o oso pardo como un risco para explotacións apícolas e convoca axudas por danos deste animal

A liña de axudas contra os ataques dos plantígrados, que suman 60.000 euros, convocaranse en próximas semanas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente saca unha nova convocatoria de axudas por 480.000 euros para a prevención dos danos de fauna salvaxe, que inclúe a novidade de incluír, por primeira vez, unha liña relativa ao oso pardo. En concreto, inclúese unha partida de 30.000 euros para subvencionar a adquisición de pastores eléctricos co fin de protexer ás explotacións apícolas que se poidan ver afectadas o oso pardo.

Neste caso, terán preferencia no baremo aplicable aquelas granxas que xa experimentasen danos previos e estean situadas nos concellos da zona de influencia do oso. Trátase de: Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela e Vilamartín de Valdeorras.

A Xunta estima que con esta partida de 480.000 euros poderanse conceder unhas 600 axudas para previr danos de fauna salvaxe --lobo, xabaril e oso--. Servirá para a compra de cans protectores, pastores eléctricos, cercas electrificadas e valos.

Desta contía, 300.000 euros reservaranse para danos causados polo lobo. Outros 150.000 euros da orde de axudas de prevención teñen que ver cos xabarís. Aos que se suman os 30.000 euros relativos a osos. As persoas interesadas terán un prazo dun mes, a contar desde este mércores --13 de xaneiro--, para presentar as súas solicitudes. No caso de resultar beneficiarias, terán que xustificar ante a Consellería os gastos subvencionables antes do día 9 de outubro. Medio Ambiente destaca que os 480.000 euros que se reservan en 2021 á orde de axudas de prevención supoñen un incremento do 37% respecto dos 350.000 euros do ano anterior.

A orde de axudas publicada este martes no Diario Oficial de Galicia súmase ás outras dúas convocadas o luns para paliar os danos producidos polo lobo sobre o gando e para compensar as desfeitas causadas polo xabaril nos cultivos agrícolas. En total, a Consellería sacará este ano un paquete completo de subvencións por danos de fauna con catro programas diferentes, cos que mobilizará 2,63 millóns e espera poder atender unhas 3.000 solicitudes. Deste xeito, nas próximas semanas convocarase tamén, por primeira vez, unha liña específica para compensar a afectados os danos do oso, dotada con 60.000 euros.

Oso pardo. ANTONIOGUILLEM - Arquivo
Oso pardo. ANTONIOGUILLEM - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

O único risco para os osos pardos son estas políticas do Partido Popular. A quinta roda dun coche que vai a ningures