Sairá adiante a iniciativa da 'canle xabarín' se chega ao Parlamento?

A Mesa vén de conseguir unha ampliación do prazo para recoller as 2.500 sinaturas necesarias. Pero, que pasará se chega ao Parlamento?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A 'iniciativa do Xabarín' segue adiante malia o espallamento da terceira onda de covid e segue dando pasos para conformar unha canle de TV exclusivamente infantoxuvenil e exclusivamente en galego. Esa é a sensación que se desprende da última comunicación por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade que dende hai meses lidera a recollida de sinaturas para levar ao parlamento a creación desta canle.

Votación da toma en consideración da reforma da lei de saúde no Parlamento galego
Votación da toma en consideración da reforma da lei de saúde no Parlamento galego

Segundo vén de apuntar a entidade, a posibilidade de chegar ao mínimo esixible de sinaturas --2.500-- está agora máis prelo trala ampliación do prazo de recollida das mesmas. O limiar final pasará a estar situado no venres dous de abril. De recoller ese baremo, a iniciativa chegará ata o Parlamento para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG "aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas".

O obxectivo da Mesa e da plataforma orixinal na que xurdiu a petición é, pois, conformar unha canle Xabarín "con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil". Para asegurar o impacto destes contidos en galego nun ecosistema mediátco cada vez máis fragmentado, instan tamén a que os contidos estean dispoñibles "en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos".

A Mesa márcase así o obxectivo das 2.500 sinaturas con vistas a chegar ao Parlamento. Na petición orixinalmente aloxada na web conseguiran un total de 15.000 apoios, se ben os trámites necesarios para completar este rexistro eran, evidentemente, máis sinxelos. A pregunta, nesta circunstancia, queda en se a carreira de recollida de firmas atopará un muro de negación nos grupos parlamentarios galegos. Ata o momento, tan só grupos municipais do BNG mostraron o seu apoio expreso á campaña. A recollida continúa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta