Gómez Noya segue líder no Mundial a pesar da decepción de Kitzbühel

O triatleta ferrolán entrou 13º na proba austríaca, quinta das series mundias, gañada polo británico Alistair Brownlee.

Por gcdeportes | Compostela | 06/07/2013 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

Mancado como andaba por unha caída recente, o sempre espectacular tríatlon de Kitzbühel converteuse nun martirio para o ferrolán Javier Gómez Noya. Chegou na 13ª posición á meta austríaca, onde gañou o seu eterno rival, Alistair Brownlee, campión olímpico en Londres. Non estivo o seu irmán Jonathan Brownlee por unha intoxicación alimentaria.

Gómez Noya, na carreira a pé
Gómez Noya, na carreira a pé

Despois de celebrada a quinta proba das series mundiais, Gómez Noya continúa á fronte da clasificación ITU (International Triathlon Union) con 2.744 puntos, aínda que se lle complica a loita polo título. Mentres que o balear Mario Mola se sitúa segundo con 2.699 puntos e o luso Joao Silva ocupa a terceira praza con 2.422 puntos. A próxima etapa das series mundiais terá lugar en Hamburgo o 20 e 21 de xullo.

A competición disputouse nun formato atípico, principiando con 750 metros de natación polo lago Schwarzsee. O segmento de natación foi dominado polo eslovaco Varga, con Gómez Noya en sétimo lugar, a oito segundos, e seguido por Alistair Brownlee, oitavo. Mario Mola saía 18º da auga.

Quedase no ciclismo

A continuación iniciábanse os impresionantes 11,5 quilómetros ciclistas, por un dos percorridos máis esixentes do Mundial, con un quilómetro final con pendentes de ata o 22%. Ao inicio deste, Brownlee e Gómez Noya encabezaban a proba nun grupo composto por 14 triatletas. En troques, ao pouco de comezar a forte subida, o británico escapábase. O campión olímpico impuxo un ritmo moi alto e lograba superar o galego, e progresivamente ía aumentando a súa vantaxe. Gómez Noya continuou loitando nas primeiras prazas boa parte do segmento, pero pouco a pouco foi perdendo forza.

Por diante, Brownlee seguiría imprimindo un gran ritmo nos 2,5 quilómetros de carreira a pé polo chamado corno de Kitzbühel, para á fin obter unha cómoda vitoria na localidade austríaca. A 37 segundos do triatleta de York, entraba Mario Mola, que tras brillar no segmento ciclista, conseguía a mellor marca na carreira a pé. O bronce foi para Sven Rieder, só tres segundos por diante do sudafricano Schoeman.

Pese a 13ª posición acadada, o ferrolán non puxo escusas: “Non me atopei con forzas, as pernas non me respondían...", dixo Gómez Noya, que espera recuperar a súa mellor forma para a proba de Hamburgo, dentro de quince días. Por detrás, o tamén galego Óscar Vicente acadou a 16ª posición; Jesús Gomar remataba na 37º praza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta