Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 16:19
Dous homes e unha muller foron detidos en Santiago como presuntos responsables dunha ducia de roubos e furtos cometidos ao longo das últimas semanas en distintos puntos do centro da cidade.
Segundo informa a Comisaría compostelá este xoves, aos arrestados impútanselles dez delitos de roubo con forza (tres deles no interior de vehículos), dous delitos de furto e dous delitos de usurpación de estado civil.
Os arrestos culminan unha investigación iniciada ante o incremento no número de denuncias por roubos con forza cometidos en establecementos e vehículos, moitos deles localizados na zona do Ensanche e nas inmediacións das rúas Rosalía de Castro e Avenida de Barcelona da capital galega.
As pescudas, levadas a cabo polo grupo de roubos da comisaría compostelá, concluíron coa detención do principal dos sospeitosos e outras dúas persoas supostamente implicadas nos feitos. Os detidos, segundo apunta a Policía, subtraían do interior dos vehículos documentación que despois utilizaban para cometer outros delitos.
Posteriormente, os axentes encargados dos rexistros de dúas vivendas interviñeron efectos que derivaron na imputación aos implicados de novos roubos, algún deles no centro histórico da cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.