Denuncian "recortes" na biblioteca médica do CHUS mentres se manteñen "7 capeláns a xornada completa"

A CIG asegura que o servizo só conta cunha persoa a media xornada, fronte á dotación de relixiosos no centro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Nova denuncia no CHUS da man de Cig-Saúde. Desta vez, o sindicato non denuncia o mal estado dos EPIs dos sanitarios de UCI ou as "ameazas" da Xerencia, senón o "desmantelamento da biblioteca médica". Segundo explican, dende o sindicato, este servizo "estratéxico" periga "ao contar cunha soa bibliotecaria tras non se cubrir a praza do outro traballador que foi trasladado".

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

Segundo cifras do sindicato, a biblioteca do CHUS "dá cobertura a toda a área sanitaria de Santiago-Barbanza, que conta con 1.395 camas" O sindicato entende que a biblioteca do hospital Clínico "é un lugar apropiado para xestionar o coñecemento científico e que necesita adaptar os servizos de información ás novas necesidades, subministrándolle as persoas usuarias o asesoramento e ensinanza das habilidades precisas".

O problema é que, cos recursos humanos actuais, a biblioteca xa só conta cunha responsable que está "en quenda de mañá e 220 días dos 365 días que ten o ano". Esta situación provoca que a profesional nomeada, explican dende o sindicato, "non ten cobertura en casos de permisos ou baixas médicas desta". A "irresponsabilidade por parte da Xerencia" que se apreza neste "recorte" gaña forza porque, explica,  "mantén un servizo relixioso con 7 capeláns a xornada completa e 2 a media xornada".

Fronte a esta circunstancia, a plataforma defende concibir da biblioteca como “institución viva dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que cambie conforme a sociedade o fai e axude ao crecemento e desenvolvemento”. Demanda por iso que estea aberta mañá e tarde e mesmo os 365 días do ano porque “non é un luxo, senón unha necesidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta