Lorient acolle a estrea internacional da Selección Galega de fútbol gaélico

Dezaoito xogadores viaxan a Armórica para participar o domingo 11 nun amigable contra a Selección Bretona no marco do Festival Intercéltico. Tres coruñesas, na Selección Europea.

Por gcdeportes | Compostela | 06/08/2013 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Non todo é música en Lorient. O fútbol gaélico coarase entre as músicas de Sinead O’Connor e Nolwenn Leroy. E Galicia, coma non, será protagonista. A Selección galega masculina enfrontarase, no marco do Festival Intercéltico da Bretaña, á selección local. Será o vindeiro domingo 11 a partir das 14 horas no Estadio de Karolay. Galicia e Bretaña son ata o de agora as únicas seleccións oficiais que existen neste deporte, xa que a de Irlanda só compite con Australia en partidos de regras mixtas de fútbol gaélico e australiano.

Partido de fútbol gaélico da liga galega.
Partido de fútbol gaélico da liga galega.

Hai dezaoito convocados polo adestrador Carlos Seco para a cita internacional: Pablo Bregua, Fran, Julián, Sebas, Brais, Carlos Seco, Pablo Miragaya, Óscar e Alberto, do equipo A Coruña Fillos de Breogán; Wences, Dani Vázquez, Pablo Fuentes e Pedro Alberte, de Ártabros de Oleiros; Kanario, Lupo e Brito, de Bráithreachas A Estrada; e Miguel e Corba, dos Irmandinhos A Estrada. A estrea da Selección Galega feminina tivo que ser suspendida. Cuestións económicas e persoais impediron conformar un equipo para viaxar a Lorient.

O 20 de xullo de 2012 en Narón, galegos e bretóns estreáronse no que foi un partido histórico que gañaron os locais por 23 a 17. Desta volta en Lorient, de novo os bretóns son favoritos. Contan con liga propia dende 1996 e Liffré, o campión bretón deste ano, proclamouse tamén vencedor no Campionato de Francia e as Illas do Canal, derrotando na final ao Jersey Irish.

A primeira competición oficial galega (7 contra 7) xogouse no primeiro trimestre deste ano. Participaron cinco equipos e resultou vencedor Bráithreachas A Estrada. No outono comezará a Liga Absoluta (11 contra 11) coa participación dun novo equipo, Pontevedra Fútbol Gaélico.

Tres coruñesas na Selección Europea

Por outra parte, e por primeira vez na historia, tres xogadoras galegas, de A Coruña Fillas de Breogán, foron convocadas coa Selección Europea feminina. Patri, Kamy e Marta (fundadoras da sección feminina do club coruñés) participarán así no All-Ireland de 7 contra 7 que terá lugar en Portmanock (Irlanda) o 28 de setembro. Ademais, asistirán á final do All-Ireland feminino en Croke Park.
Antes de ter xogadoras dabondo para fundar o equipo, no 2011 xogaron nas filas do Madrid Harpettes (o equipo con mellor palmarés de España) no Campionato Ibérico. Agora mesmo hai xa tres equipos femininos en Galicia: Fillas de Breogán, Irmandinhas e Mecas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 britonia

4 galaico gaélico

Pois que noxo xogar nunha liga ibérica. Eu fico cia Liga Gallaecia!

1 EuMesmo

Estupendo! Fica onde guste... Sufrir de noxo non é algo recomendable nin prato de bo gusto ;)

3 Enxebre715

Antiburrax, por sorte a relación entre os equipos que conformamos a Liga Ibérica (a maiores dos clubes galegos, Madrid, Barcelona, Valencia...) é realmente boa. Somos todos dependentes da GAA, máximo organismo dos deportes gaélicos dende hai máis de 125 anos, e tanto a Selección Galega, como a Liga Galega de Sevens como a futura Liga Galega de 11 vs 11, son oficialmente recoñecidas dende Dublín despois de que se aprobase a moción presentada polos Fillos de Breogán de A Coruña na convención de Croke Park a finais de 2011. Hai oficialidade e estamos a traballar en que este deporte calle na nosa terra. Sen dúbida que vamos por bo camiño xa que na vindeira Liga Galega de 11 vs 11 aos equipos de A Estrada, O Grove, Oleiros e A Coruña, sumarase o Pontevedra FG. Isto medra :)

2 LIGA GALLAECIA

Hoxe ás 19h será apresentada en Compostela a LIGA GALLAECIA de futebol gaélico. A LIGA GALLAECIA é un campionato onde poden xogar todas as persoas, sen segregación por razón de xénero. Xa está confirmada a participación das seguintes equipas: - Suêvia, de Compostela - Afiadoras, de Ourense - Torques de Lugoslavia, de Lugo - Cascarilha, da Coruña E desde hoxe abrirase un prazo para a inscrición de novas equipas. Avante co gaélico galaico!

1 antiburrax

Xa me tardan os españois en vir foder o asunto coas suas federacións coloniais.