Nace a Facultade Ágora, unha "ambiciosa" iniciativa para repensar os modelos de cidade

Carmela Silva avanza a súa intención de asistir aos cursos "porque coñecer e aprender é a única forma de tomar decisións"

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/02/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, xunto á secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán, presentaron este mércores a denominada Facultade Ágora aos representantes dos 54 concellos da provincia que forman parte da Rede Ágora xunto a consultoras e estudos de enxeñaría e arquitectura, tras detectar un "déficit de coñecemento" no tratamento do espazo público.

Uxío Benítez lembrou que a Rede Ágora é unha iniciativa promovida pola Deputación e que consiste nunha rede de acción institucional a favor de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Os concellos adheridos comprométense a incrementar de forma substancial o espazo reservado para as persoas e os itinerarios peonís e ciclables.

Ademais Uxío Benítez anunciou que este mércores o Boletín Oficial da Provincia publica as axudas de 2,4 millóns aos concellos adheridos a esta rede.

Fernando Nebot, autor da Guía de mobilidade amable da Deputación de Pontevedra, será docente e coordinador de contidos da Facultade Ágora que realizará cursos sobre espazo público e mobilidades alternativas "para seguir avanzando neste modelo de recuperación de espazo para as persoas".

Esta Facultade Ágora estará coordinada a través dun convenio pola secretaria técnica da Rede Cidades que Camiñan, e promoverá unha formación transversal "tras detectar un déficit de coñecemento no tratamento do espazo público".

INICIATIVA "AMBICIOSA"

"Talvez sexa a iniciativa máis ambiciosa a este nivel no ámbito internacional", dixo Benítez sobre este foro que mantén "unha mirada moderna e coas persoas no centro". Serán 12 cursos entre abril e novembro, serán bisemanais os venres para non coincidir coas xornadas laborais. Ofértanse 150 prazas. Estrutúranse en catro módulos nos que se abordarán contidos que viran ao redor de catro eixos: "o bo urbanismo, a boa mobilidade, o medio habitable e a economía sustentable", dixo Ana Montalbán.

Benítez destacou o gran nivel dos profesores que impartirán estes cursos, algúns deles de nivel internacional pendentes de confirmación, que se irán desvelando nos próximos días.

A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que "o cambio nunca é froito da improvisación, senón do coñecemento". "Necesitamos ter un modelo claro", afirmou. Neste sentido considera que a día de hoxe "ninguén cuestiona xa o novo modelo, hai conciencia social". Igualmente adiantou a súa intención de asistir aos cursos "porque coñecer e aprender é a única forma de tomar decisións".

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera lembrou que "ao falar de espazo público falamos de persoas, de comportamentos sociais, de empoderamento". "Debemos ocupalo sendo conscientes de que temos dereitos e do rol que ocupamos nel", concluíu.

Unha muller pasea un bebé. Europa Press - Archivo
Unha muller pasea un bebé. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta