Preséntase a primeira Guía Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial de Galicia

O manual, deseñado como un instrumento de atención integral a persoas con diversidade sensorial, poderá descargarse na web do Concello de Pontevedra e mediante un código QR presente en pósteres e dípticos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/02/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro) e do Día Mundial do Implante Coclear (mañá, 25 de febreiro), a Concellería de Benestar Social e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) veñen de impulsar a primeira Guía Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial, un instrumento de atención integral a persoas xordas, con perda auditiva, cegas e xordocegas.

Presentación da guía sociosanitaria en Pontevedra
Presentación da guía sociosanitaria en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Esta guía é a primeira deste xénero que se elabora en Galicia, pódense atopar cuestións como as definicións de comunidade sensorial, cegueira, xordeira e xordocegueira; a explicación de sistemas de comunicación como a lingua de signos española e apoiada, a lectura labial ou labiofacial e o braille, e a exposición das barreiras comunicativas existentes.

Asemade, o manual amosa a conduta axeitada a seguir para atender a unha persoa con diversidade sensorial, facilitarlle o acceso á información e ofrecerlle medios de rehabilitación e apoio (mediadores comunicativos, guías interpretativas de lingua de signos, logopedas, optometristas ou cans guía, así como audifónos, implantes cocleares, bastóns, sistemas de frecuencia modulada, lentes graduadas e lupas, bucles magnéticos, subtitulados, audiodescricións ou lectores de pantalla).

Na publicación tamén se aclara como detectar unha perda de audición, descríbense os mitos existentes en torno a este colectivo e faise fincapé nas dificultades e recursos das persoas con diversidade sensorial ante a pandemia da Covid-19. Para finalizar, a Guía inclúe un amplo glosario no  que se expón o significado de diferentes termos relacionados con esta comunidade.

Este recurso será entregado fisicamente a diversas entidades e institucións, e tamén poderá descargarse en versión pdf a través da páxina web do Concello de Pontevedra e dos códigos QR presentes nos carteis e dípticos que se distribuirán no marco desta iniciativa.

O manual foi presentado este mércores en Pontevedra polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a secretaria xeral de Xoga, Josefa Carballo, e a coordinadora sociosanitaria do colectivo, Marta García, usuaria dun implante coclear.

Das 45.307 persoas con diversidade sensorial existentes en Galicia, na provincia de Pontevedra coexisten aproximadamente 17.096 con máis do 33% de discapacidade certificada, unha cifra que alcanza a entre 7.000 e 8.000 veciños en Pontevedra, case un 10% da poboación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta