O informe de Saúde Pública constata a mellora epidemiolóxica para abrir A Coruña e Pontevedra

A pesar da diminución na presión hospitalaria, o documento sinala que "o número de ingresos debe baixar máis, especialmente nas unidades de críticos, xa que un incremento na incidencia pode comprometer a evolución"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicou as modificacións dadas a coñecer o venres polo subcomité clínico de expertos, que decidiu abrir o peche perimetral das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra e permitir a mobilidade aos municipios en función da súa incidencia. Estas aperturas faranse efectivas a noite do domingo ao luns.

O Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública abordado na reunión do venres evidencia que o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue manténdose por baixo de 1 desde o 29 de xaneiro, mostra unha diminución na transmisión da infección.

Todas as áreas sanitarias, excepto Ourense, mantéñense por baixo do 1. Do total de concellos de Galicia, 104 non notificaron casos nos últimos 14 días. Por tanto, se se teñen en conta os casos notificados nos centros socio-sanitarios, serían 103 concellos (11 máis respecto ao día 1 de marzo).

O número de concellos sen casos nos últimos 7 días aumentou a 171, excluídos os casos notificados nos centros socio-sanitarios (167 o día 1 de febreiro). Tendo en conta os casos notificados nos centros socio-sanitarios, este valor sería de 169.

Entre o 21 e 27 de febreiro realizáronse 61.594 probas diagnósticas (43.332 PCR e 18.262 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 3,8 % igual ao obtido entre o 19 e o 25 de febreiro.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 47 e 119 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o día 1 de marzo (54 e 131 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días, respectivamente).

EVOLUCIÓN

A tendencia diaria mostra, desde o 20 de decembro, dous tramos con tendencia oposta: primeiro crecente a un ritmo do 6,8 % ata o 22 de xaneiro e despois decrecente cunha porcentaxe de cambio diario de -6,5 %, o que segue indicando un descenso continuo, xa que a 20 de febreiro a porcentaxe de cambio diario observado era o mesmo.

Nas distintas áreas sanitarias as taxas de incidencia a 14 e 7 días diminuíron respecto do informe de día 1. Ningunha delas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes nin taxas a 7 días superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes, oscilando os valores das taxas a 14 días entre os 68,48 casos por 100.000 habitantes de Ourense e os 175 da Coruña.

HOSPITALIZACIÓN

No referente á hospitalización, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 384,3, o que supón un descenso de 8,3 % respecto do informe de 1 de marzo.  A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 99,6 ingresados por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, cun descenso do 8,2 respecto do día 1 de marzo.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 98,4, o que supón un descenso do 6,2 % respecto do informe anterior. A taxa a 7 días de ingresados na UCI é de 25,5 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso do 9,8 % respecto do informe anterior.

"A pesar desta diminución, o número de ingresos debe baixar máis, especialmente nas unidades de críticos, xa que un incremento na incidencia pode comprometer a evolución", sinala o documento.

PRUDENCIA

"En conclusión, aínda que os datos recollidos no informe permiten constatar que, en liñas xerais, a situación epidemiolóxica segue mellorando, o que mostra, inequivocamente, a eficacia das medidas adoptadas, non debe esquecerse que nos atopamos nun contexto de desescalada que debe ser gradual, progresiva e segura, guiada polo principio de prudencia para evitar así comprometer os logros conseguidos".

A presión hospitalaria, aínda que vai descendendo, segue sendo alta, cun elevado número de persoas ingresadas na UCI, que aínda debe baixar máis. "Resulta imprescindible ser cautelosos e consolidar no tempo as medidas adoptadas recentemente, de tal modo que sexa posible ir analizando e reaccionando fronte aos efectos que delas deriven", engaden.

CAMBIOS

O criterio utilizado para aplicar os niveis de restrición aos concellos, ademais do da situación sanitaria, é o da taxa de incidencia segundo os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, situando o nivel alto na cifra de 250 e o máximo na cifra de 500.

En concreto, ademais de eliminar o perímetro destas dúas áreas, o comité subiu a nivel máximo aos municipios da Mezquita, Boborás e A Pobra do Brollón, que se suman ao de Soutomaior. Neste catro concellos, a hostalaría deberá permanecer pechada ao público e só poderá haber reunións de convivientes. Ademais, estarán pechados perimetralmente de maneira individual.

A maiores, quedan en nivel alto os municipios de Miño, Arteixo, Ponteceso e Sobrado dos Monxes, na área da Coruña; Cariño e Mugardos, na de Ferrol; Guitiriz, Lourenzá e Paradela, na de Lugo; Cambados, Ponte Caldelas e Vilanova, na de Pontevedra; e Mos, na de Vigo. Nestes concellos, a hostalaría só poderá operar en terraza, ao 50%, e a mobilidade está permitida unicamente entre eles, independentemente da área sanitaria na que se atopen.

No resto de concellos, a mobilidade está permitida entre os distintos municipios e a hostalaría poderá abrir ao 30% en interiores e ao 50% en exterior. Tanto no nivel medio como no alto, permítense reunións de non convivientes ata catro persoas e os hostaleiros teñen que pechar ás 18,00 horas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán ; e polo xerente do Sergas, José Flores Arias, informa, en rolda de prensa.. CONCHI PAZ
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán ; e polo xerente do Sergas, José Flores Arias, informa, en rolda de prensa.. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta