Aumentan os contaxios diarios pola covid, mentres baixan os hospitalizados

A taxa de positividade ascende a un 2% e os casos activos caen lixeiramente a 3.422.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

Os hospitalizados con Covid-19 en Galicia descenderon de maneira significativa, 29 menos, tras o incremento da xornada anterior, polo que se sitúan en 369, deles 77 atópanse en UCI, o que supón dous menos. Por contra, repuntan os contaxios diarios a 152.

Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, Galicia ten 77 pacientes Covid ingresados en UCI --dous menos que a xornada anterior-- e 292 noutras unidades --27 menos--.

A presión hospitalaria descende en seis das sete áreas sanitarias galegas, xa que na de Vigo aumentan a 16 os hospitalizados en UCI --dous máis--, mentres que se manteñen en 45 os ingresados noutras unidades. Ferrol sitúanse como a área con maior descenso, con cinco persoas con coronavirus en UCI --dúas menos-- e 28 noutras unidades --oito menos--; seguida da de Santiago e Barbanza, con sete en críticos --un menos-- e 45 noutras unidades --seis menos--.

Pola súa banda, a de Lugo conta con seis ingresados en UCI --dous menos-- e 22 noutras unidades --tres menos--; e a de Ourense ten catro en críticos --sen cambios-- e 23 noutras unidades --catro menos--. A área da Coruña e Cee mantén a 30 pacientes Covid en UCI --sen cambios-- e 109 noutras unidades --catro menos--; mentres que na de Pontevedra e O Salnés soben a nove os ingresados en críticos --un máis-- e baixan a 20 os hospitalizados noutras unidades --dúas menos--.

MÁIS CONTAXIOS E MENOS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid-19 en Galicia, descenderon lixeiramente ata os 3.422 --datos similares aos de finais de agosto--, o que supón 92 menos que a xornada anterior. Por contra, aumentan os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba a 152 --tras os 88 do inicio da semana--, dos cales 116 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

Deses 116 positivos, 45 corresponden á área da Coruña e Cee; 23 á de Vigo; 13 á de Lugo; 11 á de Ferrol; outros 11 á de Pontevedra e O Salnés; outros 11 á de Santiago e Barbanza; e dous á de Ourense.

PCR E TAXA DE POSITIVIDADE

Ata a data realizáronse 1.726.452 PCR, o que supón 5.151 probas máis que as realizadas ata a xornada anterior. En canto á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados--, aumentou un dous por cento, despois de baixar a un 0,7% na xornada anterior --o que supuxo niveis non rexistrados desde o mes de xullo--. Así, Galicia continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Un cribado para detectar casos de Covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza.. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO
Un cribado para detectar casos de Covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza.. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta