Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 13:31
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que os orzamentos municipais irán este venres a votación en pleno e que, se non se aceptan, volverán o 17 a unha sesión extraordinaria vinculados a unha moción de confianza. Por iso, confía en que saian adiante, polo menos, o 17 ou, pola contra, insta os grupos que non os apoien a "presentar inmediatamente unha moción de censura".
A preguntas dos medios, o rexedor compostelán lembrou que, se as contas municipais son rexeitadas este venres, volverán a un pleno o día 17, neste caso vinculadas a unha moción de confianza. Nesta ocasión, de non recibir o visto e prace, "abriríase un prazo dun mes no que os grupos políticos poderían presentar unha moción de censura", que logo se debatería.
"Pero se non se presenta --unha moción de censura--, perderiamos un mes esperando. Confío en que o 17 queden aprobados os orzamentos e, senón é así, pediríalles aos grupos que non os aproben que presenten unha moción de censura inmediatamente, porque é absurdo ter esperando a todos 30 días", dixo o alcalde.
Sobre as negociacións para aprobar as contas, o rexedor non quixo facer ningún comentario, aínda que reiterou que o actual "é un ano moi complicado" e "o goberno municipal ten a responsabilidade de presentar unha proposta de orzamentos" que sexa "viable" e "cumpra todos os requisitos legais". A oposición, pola contra, "ten un grao de liberdade maior", polo que lles reclamou que as súas propostas teñan "o realismo suficiente para saber que cousas se poidan encaixar e cales non". "Ese realismo, nós non acabamos de velo", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.