Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 18:17
O alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños, Anxo García Seoane, ratificouse na súa acusación ao goberno de Cambre sobre o que considera un "pelotazo urbanístico" no Graxal, tras declarar nun xulgado da Coruña pola denuncia por 'calumnias" presentada contra el desde o consistorio veciño.
"O goberno de Cambre debe crer que por dicir verdades como puños vainos a calar", dixo a Europa Press sobre a denuncia contra Alternativa dos Veciños e contra a súa persoa como presidente do partido, segundo expuxo. A mesma está relacionada coas súas declaracións sobre o desenvolvemento urbanístico aprobado no Graxal, unha zona de Cambre pero que linda co termo municipal de Oleiros.
As súas críticas e as denuncias de Alternativa dos Veciños a este respecto vinculounas co obxectivo de "informar os veciños das falcatruadas urbanísticas que o goberno municipal está a tramitar e que hipotecarían a área do Graxal, con máis masificación de cemento no canto de áreas verdes e deportivas".
"Non admite a crítica, tenta coartar a liberdade de expresión cando se denuncian pelotazos urbanísticos en detrimento de a calidade dos veciños", expuxo tras pór en cuestión a recualificación de terreos nesta zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.