Acusan ao conselleiro do Medio Rural de "colocar" a un cargo do PP na administración e ocultar o seu soldo

Segundo CSIF, é a segunda vez en dous meses que José González "coloca" a un 'popular' na axencia pública que preside.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Volve caer a polémica sobre José González Vázquez, conselleiro de Medio rural da Xunta de Galicia. Meses despois de que o ‘popular’ incendiara a redes sociais ao insinuar cobros de comisións por parte de funcionarios públicos, a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) vén de dirixir unha dura acusación contra o número un de medio rural ao acusalo de “colocar” ao ex-alcalde de Fisterra, do PP.

José González, en novembro de 2020. CONCHI PAZ
José González, en novembro de 2020. CONCHI PAZ | Fonte: MEDIO RURAL, PSDEG, TERRAS AGRÍCOLAS

Segundo explican dende a CSIF, o suposto caso de “nepotismo” non se vén de producir no marco da Consellería que dirixe José González senón en Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento do Rural, que tamén comanda o propio González Vázquez. A cuestión central estaría en que González vén de nomear asesor da Axencia a José Manuel Traba Fernández, alcalde de Fisterra entre 2002 e 2005.

Dende a Central descartan que o nomeamento do ex-alcalde fisterrán teña que ver coa súa experiencia ou formación, e apuntan máis ben á relación persoal entre este e o número un de Medio Rural. Segundo destacan, o xa novo asesor de Agader conta cunha traxectoria laboral máis ben fraca máis alá da política, á parte das moitas polémicas que, sosteñen, envolveron o seu mandato. 

SOLDO OCULTO

“A súa xestión á fronte da alcaldía de Fisterra destacou polas innumerables denuncias formuladas contra el pola Xunta de Galicia”, sosteñen dende CSIF antes de subliñar a existencia dunha “extensa listaxe de aberrantes ilegalidades urbanísticas”, algunhas delas que mesmo deron lugar ao derrubamento de vivendas xa construídas, segundo sosteñen.

As dúbidas que penden sobre este nomeamento do ex-rexedor de Fisterra gañan sombras de ter en conta que, “segundo puido constatar CSIF”, Traba estaría a exercer nunha área que, pola natureza da súa administración, só pode ser ocupada por empregados públicos, e “en ningún caso” por “asesores ou persoal eventual”. A acusación suma forzas tamén tendo en conta o “escurantismo” que, aparentemente, pende sobre o nomeamento, xa que a Xunta non fai público o soldo do nomeado, nin tampouco dos restantes 5 asesores. Tan só se coñece que Medio Rural destina ao ano 276.162€, cifran dende o sindicato. 

A polémica “colocación” que CSIF ve no caso supoñería, á parte, a segunda vez que González Vázquez incorre nun suposto caso de enchufe a respecto dun cargo nas últimas semanas. Dende a Central xa denunciaron o pasado 8 de febreiro que González Vázquez, a través de Agader, viña de “colocar como persoal directo” da Axencia “ao presidente do PP do Barco de Valdeorras, cuxo único mérito” “foi o de ter sido parlamentario do Partido Popular”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta