Investigadas dúas empresas da Estrada e Pontevedra por supostas irregularidades na xestión do amianto

A Garda Civil comprobou que retiraban amianto "sen cumprir os requisitos mínimos esixidos polas normas de prevención de riscos laborais".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/03/2021 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A Garda Civil investigou penalmente os responsables de dúas empresas da Estrada e Pontevedra por infrinxir as normativas sobre residuos e sobre a seguridade nos traballos con risco de exposición ao amianto.

A Garda Civil investiga dúas empresas da provincia de Pontevedra por presuntas irregularidades na xestión do amianto
A Garda Civil investiga dúas empresas da provincia de Pontevedra por presuntas irregularidades na xestión do amianto | Fonte: Garda Civil.

O Instituto Armado explica que con motivo das investigacións realizadas no marco da 'Operación Cristolito 2', o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra detectou "unha serie de irregularidades" nestas dúas empresas que manipulaban amianto "sen a preceptiva inscrición no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA)" e, engade, "sen o correspondente plan de traballo previo onde se deberían reflectir as medidas mínimas de seguridade e saúde para a protección dos traballadores contra os riscos derivados da exposición ao amianto".

"O amianto mesturado con fibrocemento utilízase para construír as coñecidas placas de uralita", explica a Benemérita, que sinala que "o risco na manipulación deste material xorde cando se pretende desmantelar unha construción, xa que as fibras que se atopan dentro da uralita ao cortalas ou manipulalas despréndense e ao inhalarse poden provocar enfermidades graves relacionadas co aparello respiratorio".

Segundo a normativa vixente, a retirada das citadas placas de fibrocemento debe realizarse por empresas autorizadas (inscritas no RERA Rexistro de Empresas con Risco de Amianto), "cumprindo os requisitos marcados na lexislación vixente, que establece as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición de amianto", subliña a Benemérita.

Segundo puido comprobar o Instituto Armado, ambas as empresas realizaban traballos de retirada de amianto "sen cumprir os requisitos mínimos esixidos polas normas de prevención de riscos laborais". E, puntualizan as mesmas fontes, "mentres unha delas eliminaba os residuos de amianto vertendo os mesmos nun terreo rústico de protección especial, a outra os trituraba e mesturaba con residuos da construción para a súa posterior xestión como residuos inertes".

Como consecuencia destas supostas irregularidades, o Seprona investigou penalmente os responsables de ambas as empresas por un suposto delito contra o dereito dos traballadores, castigado con penas de prisión de seis meses a tres anos.

Pola súa banda, ao xerente da empresa situada na Estrada notificóuselle tamén a condición de investigado por un suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, castigado con penas de seis meses a dous anos.

As dilixencias instruídas entregáronse nos xulgados de garda da Estrada e Pontevedra, onde deberán comparecer os investigados cando sexan requiridos pola autoridade xudicial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta