Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/09/2013 | Actualizada ás 10:28
Apollo European Principal Finance Fund II (Apolo EPF II), un fondo xestionado por entidades filiais de Apollo Global Management LLC (que cotiza na bolsa de Nova York), chegou a un acordo para a adquisición de EVO Banco. Segundo Nova Galicia Banco, Apollo adquire EVO Banco coa intención de reforzalo, cun plan de negocio baseado nas fortalezas da entidade para que sexa un banco estable e importante no sistema financeiro español.
EVO Banco é a marca de Nova Galicia Banco lonxe do noroeste, froito das antigas sucursais de Caixa Galicia e Caixanova fóra do país.
NCG Banco seleccionou a Apollo EPF II como comprador de EVO Banco, cun acordo de prezo de 60 millóns de euros en efectivo e un proxecto que, segundo a matriz galega, "preserva o emprego de EVO Banco e a súa rede de oficinas en España". Malia ser un fondo de investimento, os vendedores aseguran que os investidores americanos chegan para quedarse.
A venda de EVO prodúcese días antes de que se coñeza os participantes na poxa pola nacionalizada Nova Galicia Banco. O actual equipo directivo de José María Castellano quere que, como con EVO, os compradores señan fondos norteamericanos.
Deste xeito, os actuais xestores seguirían ao fronte da entidade galega, que deixaría de estar controlada no país pero que conservaría o seu nome e a súa cúpula directiva.
A 'opción americana' é a que lle gusta máis ao PPdeG. Alberto Nuñez Feijóo tería imposíbel vender á opinión pública que a entidade segue sendo galega se os compradores son o Santander, La Caixa ou BBVA. Os grandes nomes da banca española tamén puxarán por Nova Galicia Banco, quen malia a crise xa sereu máis de 60 millóns de beneficio no primeiro semestre.
O prego de termos asinado coas autoridades españolas e europeas polo rescate bancario estableceu en decembro de 2012 que a privatización de EVO Banco debería producirse antes do 31 de decembro de 2014.
NCG Banco adiantou o calendario en 16 meses. O proceso competitivo de privatización iniciouse o 28 de maio deste ano coa distribución do caderno de venda entre inversores interesados, e contou coa intermediación do banco de investimento Mediobanca.
Apollo é "unha firma global líder en inversión alternativa con oficinas en New York, Los Angeles, Houston, Londres, Frankfurt, Luxemburgo, Singapur, Mumbai e Hong Kong". Apollo xestiona activos por valor de 113.000 millóns de dólares (datos a 30 de xuño de 2013) en fondos de capital risco, crédito e inmobiliario en nove sectores onde a compañía posúe una ampla experiencia e recursos. Para máis información, visite www.agm.com.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.