Piden 3 anos para un avogado que se apropiou de 40.000 euros da fianza dun cliente

O seu cliente ingresara en prisión por tráfico de drogas.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/03/2021 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A Fiscalía solicita 3 anos de prisión para un avogado de Vilagarcía de Arousa que será xulgado este martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra por apropiarse de 40.000 euros da fianza dun cliente.

Segundo o escrito de acusación pública, este letrado asumiu a defensa dun home que ingresou en prisión provisional en 2008 por un delito de tráfico de drogas e por orde dun xulgado de Cambados. Un ano despois, dito xulgado decretou a liberdade baixo fianza de 40.000 euros.

A nai do cliente retirou o diñeiro, que o avogado depositou, constituíndose como fiador, para obter a liberdade do seu representado. Finalizado o procedemento, o servizo de executorias da sala do Penal da Audiencia Nacional acordou a devolución da fianza depositada no seu día.

Así, ese diñeiro foi entregado ao avogado en xuño de 2017 pero este, con intención de obter un beneficio económico, quedou coa totalidade da suma e non a devolveu aos seus clientes. Por estes feitos, a Fiscalía acúsao dun delito de apropiación indebida, e pide que sexa condenado a 3 anos de cárcere e o mesmo tempo de inhabilitación profesional, así como ao pago dunha multa de 2.700 euros. Finalmente solicita que indemnice aos herdeiros do seu cliente (xa falecido) na suma de 40.000 euros máis os intereses legais.

Xuízo
Xuízo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta