O Sindicato Labrego denuncia "machismo e discriminación ás mulleres" na futura PAC

Mediante unhas cartas dirixidas ao ministro de Agricultura, Luís Planas, e á ministra de Igualdade, Irene Montero, esixen que se incorpore ao Plan Estratéxico da PAC unhas medidas para revertir a fenda de xénero.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego denuncia elementos machistas e discriminatorios contra as mulleres na reforma da Política Agraria Común (PAC) que se está a deseñar para o Estado Español a través dunhas cartas remitidas hoxe, 30 de marzo, dirixidas ao ministro de Agricultura, Luís Planas, e á ministra de Igualdade, Irene Montero.

Cartas da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego
Cartas da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego | Fonte: SLG

O motivo que presentan é que no documento de partida, os datos relativos á presenza de mulleres no sector son "desoladores", defenden, xa que hai un 77,3% de homes como xefes de explotación fronte a un 22,63% de mulleres; a porcentaxe de homes beneficiarios da PAC son o 62,85% fronte ao 37,14% de mulleres; e a cantidade de diñeiro que reciben distribúese nunha media de 6.059 euros aos homes e de 3.851 euros para as mulleres.

Por outra parte, dende o SLG denuncian que o número de mulleres beneficiarias da reserva nacional e a representación das mulleres nos distintos órganos de dirección de cooperativas ou empresas agrarias, abondan aínda máis na fenda de xénero.

ACCIÓNS DENUNCIADAS

Aínda que o Ministerio de Agricultura expresou a súa intención de dar pasos para diminuír a fenda de xénero existente entre homes e mulleres na PAC, a Secretaría de Mulleres defende que ten diversas accións que denunciar tras ver a documentación do subgrupo de traballo do 'Obxectivo 7'.

Segundo a Secretaría, "emprégase unha linguaxe masculina e non inclusiva en todo o texto e as mulleres aparecen moi poucas veces soas como 'mujeres rurales' e a maioría aparecen no grupo de 'mujeres y jóvenes' ". Ademais, tras analizar as nove necesidades no 'Obxectivo 7', denuncian que só se dedica especificamente a 8ª ás mulleres rurais, "incidíndose nas cuestións que se detectan como debilidades".

ACCIÓNS A INCLUÍR NO PLAN ESTRATÉXICO DA PAC

Diante desta situación, e aproveitando que aínda se está traballando no Plan Estratéxico da PAC, "polo que aínda estamos a tempo de mudar as cousas", defenden, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego solicita unha entrevista co ministro de Agricultura, Luís Planas, para demandarlle a incorporación ao Plan Estratéxico da PAC de determinados puntos. 

Por unha banda, "mecanismos que permitan mellorar substancialmente as condicións de acceso das mulleres á axuda básica á renda e ao resto das axudas do primeiro piar", nas que, segundo os seus propios datos, as mulleres están agora mesmo en condicións moito máis desfavorables que os homes. "As axudas do primeiro piar son indispensables se queremos mellorar a renda das explotacións das mulleres e, polo tanto, asegurar a continuidade das mesmas en condicións equiparables ás dos homes", indican.

En segundo lugar, dende o SLG solicitan igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios. Se “o pago por hectárea que reciban dous agricultores ou gandeiros que afrontan as mesmas condicións produtivas debe ser o mesmo necesitamos saber que prevé o seu Ministerio para que as granxas con poucas hectáreas, pero con 1 ou 2 UTAs que viven exclusivamente da agricultura ou da gandería, nas que estamos máis representadas, se poidan igualar na contía da axuda básica á renda con respecto ás que teñen máis hectáreas. Entendemos que igualar o importe por hectárea nunha rexión ou entre rexións de pago, non significa en ningún caso igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios".

En terceiro lugar, unha axuda redistributiva que permita corrixir os "desequilibrios dos importes entre beneficiarias e beneficiarios". Por último, establecer nas axudas do 2º piar intensidades de axuda superiores, criterios que prioricen ás mulleres e non subvencionar aos colectivos, empresas ou cooperativas que teñan na súa base mulleres pero non estean nos seus órganos de dirección. "Queremos, ademais, aclaracións sobre se a complexidade xurídica da que falan para unha discriminación positiva nas axudas tamén afecta ás medidas do 2º piar", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta