Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 20/09/2013 | Actualizada ás 14:00
"Rafael Louzán mergúllase no bautismo de mar convidando a todos os asistentes". Deste xeito abría o pasado 18 de setembro a portada da web da Deputación de Pontevedra cunha nova na que se presentaba o programa Surf Rías Baixas Pro A Lanzada, unha serie de actividades acuáticas e probas de surf que terían que ter lugar nesa praia desde o 19 ata o 22 de setembro. Sen embargo, as malas condicións para a práctica deste deporte fixeron que a primera proba se trasladara a Oia.
E paa presentar o evento, que tivo lugar o pasado mércores, nada que poñerse en faena. Así que Louzán mudou o traxe e a corbata por un neopreno axustado e recibiu unhas pequenas instrucións técnicas a cargo de Marcos Rodríguez, director da organización do Campionato Internacional de Surf.
Louzán non estivo só na súa aprendizaxe improvisada de surf. Acompañarono a deputada provincial Begoña Estévez e o alcalde do Grove, Miguel Pérez. Logo de tomar unhas clases teóricas, os tres trasdáronse á Escola de Surf Prado para equiparse con neopreno e táboa para surfear nas ondas da Lanzada.
"A través dos diversos instrutores, tanto o presidente coma Begoña Estévez e Miguel Pérez aprenderon a se posicionar, a se erguer e a realizar pequenas manobras de principiante neste deporte, e pasaron á posterior toma de contacto na que amosaron que a lección estaba aprendida conseguindo poñerse por si sós enriba da táboa e surfear nas ondas", recolle a web da deputación.
O obxectivo desta operación de marqueting que tivo como protagonista ao propio Rafael Louzán era presentar o programa Surf Rías Baixas Pro Lanzada, que inclúe unha proba do Circuíto do Mundo Junior da ASP (Asociación de Surfistas Profesionais). Nela proclamarase o campión de Europa Junior que asistirá á final mundial do Brasil e estarán as melloras promesas do surf a nivel internacional, con 125 surfistas menores de 21 anos chegados de todos os puntos da xeografía.
Esta proba está organizada, en parte, por Ferrolterra Gestion Deportiva S.L. a mesma que organiza o Pantin Classic, un evento que ano tras ano perde importancia no calendario internacional do surf.
Esta empresa, con bos contactos no PP, recibiu unha subvención a dedo de 67.000 euros da Deputación de Pontevedra para organizar este evento. A pesar desta subvención, os participantes no campionato de surf teñen que pagar a súa inscripción na proba e a viaxe ata O Grove. É a primeira vez que Louzán utiliza os cartos da deputación para impulsar un campionato de surf, pero non para o surf de base.
Ademais deste campionato, o programa Surf Rías Baixas Pro A Lanzada contará con exhibicións e bautismos de rugby praia a cargo de Mareantes Rugby Club que prepara tamén unhas xornadas de exhibición e práctica de rugby para fomentar o seu coñecemento, ademais de mostras de rugby praia a todos os asistentes, para posteriormente dar paso a cursos de iniciación.
Por outra banda, a empresa Sanxenxo Zorlak, da man do seu shaper Walter, dará charlas didácticas sobre a construción e funcionamento das táboas de surf que uns minutos despois empregarán para se iniciar no deporte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.