Sanidade desconvoca máis de 1.400 galegos menores de 60 que ían recibir a AstraZeneca

Comesaña apunta á posibilidade de non administrar unha segunda dose aos que recibiron a primeira ou a finalizar o proceso con outra vacina

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

A Xunta suspendeu a vacinación contra o coronavirus de menores de 60 anos coas doses desenvolvidas por AstraZeneca, polo que se desconvocou a 1.403 traballadores esenciais deste grupo de idade que foran citados para recibilas este xoves.

Esta medida prodúcese despois de que este mércores o Ministerio de Sanidade propuxese ás comunidades autónomas, no seo do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), administrar a vacina de AstraZeneca só a maiores de 60 anos. Previamente, o comité de seguridade da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) observara unha "posible relación" entre estas doses e os coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas.

A Consellería de Sanidade detallou que o acordo alcanzado no CISNS incide nos grupos de poboación de profesións definidas como esenciais dentro da estratexia de vacinación nacional, aos que se lles reprogramarán as súas citas. En concreto, en Galicia previuse para este xoves a vacinación de docentes e persoal de educación infantil e especial, centros de menores, forzas e corpos de seguridade do Estado e servizo marítimo, entre outros.

Por áreas sanitarias, a reprogramación afecta a 220 persoas da zona de Coruña-Cee; 161 en Lugo, A Mariña e Monforte; 505 en Vigo; 400 en Santiago-Barbanza e 117 en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. En cambio, nas áreas de Ferrol e Pontevedra-O Salnés non se programou a vacinación de colectivos esenciais. Ademais, ata o momento, o número total de dose de AstraZeneca administradas en Galicia ascende a 140.903.

Nunha entrevista concedida este xoves á Radio Galega, recollida por Europa Press, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu en que o impacto desta medida no proceso será "pouco" dado que a maior parte dos citados estes días para recibir doses de AstraZeneca se corresponden con persoas maiores de 60 anos. Tamén apuntou que se comezou a traballar para informar os galegos menores desta idade aos que se convocou para recibir estas doses do adiamento da súa administración.

SEGUNDA DOSE

En todo caso, Comesaña fixo un chamamento á tranquilidade dos menores desta idade pendentes de recibir as segundas doses da vacina de AstraZeneca dado que estas non se recibirán "ata a primeira semana de maio", cando se cumprirá o prazo de 12 semanas establecido para a segunda inxección, polo que se dispón de "tempo para tomar unha decisión".

A este respecto, resaltou que existen varias alternativas para os menores de 60 anos aos que se administrou a primeira dose. En concreto, detallou que se poderá analizar a situación das persoas ás que se lles inxectou a segunda dose de AstraZeneca noutros países, estudar a posibilidade de recibir unha segunda dose doutra vacina ou finalizar o proceso cunha soa de acordo co nivel de inmunización xerado. Así mesmo, o titular de Sanidade incidiu en que a suspensión da vacinación con AstraZeneca de menores de 60 anos non afecta ao colectivo "fundamental" ao que se administra, o comprendido entre 60 e 79 anos.

En relación ás xornadas de vacinación masiva desenvolvidas estes días, valorou o seu funcionamento e avanzou que se impedirá o acceso aos recintos cunha gran antelación para evitar aglomeracións. Ademais, achacou a problemas de contacto ou á imposibilidade para desprazarse ao momento de vacinación na hora establecida para a cita a ausencia dalgúns dos convocados, polo que sinalou que durante esta semana se chamará de novo ás persoas que non se presentaron. Con todo, asegurou que os datos de asistencia aos procesos de vacinación "son bos" e afirmou que a afluencia se incrementou este mércores en relación ao día anterior.

ESTADO DE ALARMA

Respecto da aposta do Goberno por non ampliar o período de vixencia do estado de alarma, Comesaña recoñeceu atoparse "preocupado" polas "ferramentas" das que se disporá para adoptar medidas que permitan conter a propagación do virus tras o próximo 9 de maio.

Precisamente, destacou que, cando durante a terceira onda a Xunta apostou por unha ampliación do toque de queda que non se puido aplicar, "púxose de manifesto que había que ter máis ferramentas" para establecer restricións e lamentou que "desaparezan" aquelas con as que se contou ata o momento.

Nesta liña, remarcou que os gobernos autonómicos advertiron da necesidade de dispor dunha norma estatal. No entanto, lamentou que, tras aprobarse no Parlamento galego a Lei de Saúde de Galicia, "o Goberno a leve ao (Tribunal) Constitucional". "Por tanto, (o Executivo central) nin fai nin deixa facer", censurou.

Unha sanitaria inxecta a un paciente a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021, en Ourense, Galicia (España). Rosa Veiga - Europa Press
Unha sanitaria inxecta a un paciente a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021, en Ourense, Galicia (España). Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta