Por Xerardo Porto | Compostela | 01/10/2013 | Actualizada ás 10:00
A de voltas que dá a vida. Nado en Ourense en 1972, aos 13 anos marchou a Madrid para xogar nas categorías inferiores do club branco. Despois de nove tempadas (gañou a Copa de Europa no 95), emigrou a Italia (Benetton) e Grecia (Dafni Athenas). Tras deixar o baloncesto profesional, instalouse na cidade de Milán, onde fundou unha empresa de actividades na montaña. A paixón por ese mundo, que lle inculcou a súa segunda muller, a coñecida presentadora Kay Rush, levouno a trasladarse a Chamonix, a cidade francesa aos pés do mítico Mont Blanc. Alí traballa, coa súa empresa Santos Trekking, e alí recibe aos galegos que viaxan na procura de aventura aos Alpes.
Ismael Fabián Santos (26 de abril do 72) relata no seu blog, titulado Hay un gallego en los Alpes, as súas experiencias na montaña, esas que lle levaron a case completar os 82 cumes alpinos (fáltanlle tres) de 4.000 metros. E a aventura desta fin de semana foi das que deixan pegada. Resulta que o ourensán tentaba subir ao pico Luigi Amedeo, de 4.470 metros, co seu amigo Fabien Meyer. Como sempre na alta montaña, as condicións meteorolóxicas mudan acotío. Isma Santos fotografaba os cumes e as ladeiras nevadas e puido ver a outros dos españois que gabeaban o pico cando sufriron un alude (nevara moito toda a semana e facía calor de día) que case os sepulta. Santos e o seu amigo chamaron polos equipos de rescate, que se levaron no helicóptero a un hospital aos dous montañeiros, que deste xeito salvaron a vida.
No seu blog, o ex-xogador, fichado polo Real Madrid cando con 13 anos xogaba nos Salesianos de Ourense, narra con todo detalle a experiencia. Alí pódese ler tamén o relato da semana que este verán pasou cuns clientes de Allariz, cos que comezou unha fonda amizade. Foi 28 anos despois de deixar Ourense para facerse profesional do baloncesto. Un dos mellores defensores na década dos 90. Un especialista a carón de xente coma Arvydas Sabonis, Joe Arlauckas ou Chechu Biriukov.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.