A Audiencia ratifica máis de 7 anos de cárcere ao dono da orquestra París de Noia por delito fiscal

Imponlle unha multa de 360.000 euros e unha indemnización á facenda pública de preto de 1,2 millóns de euros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/04/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a pena de sete anos e medio de prisión --con límite de cumprimento de catro anos e medio--, imposta por un xulgado coruñés en primeira instancia, ao empresario Miguel Ángel García Souto, que figuraba como empresario titular da orquestra París de Noia desde o ano 1999, por cometer cinco delitos contra a facenda pública relativos aos impostos do IVE dos anos 2011 e 2012, así como do IRPF de 2010 a 2012.

Xira '#alolocolaparis', París de Noia
Xira '#alolocolaparis', París de Noia

Ademais, deberá abona unha multa de 360.000 euros e unha indemnización á facenda pública de preto de 1,2 millóns de euros, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este xoves.

A Audiencia, no entanto, estimou en parte o recurso do empresario contra a sentenza de 2019 do Xulgado do Penal número 1 da Coruña e suprimiu a condena de cinco meses de cárcere imposta pola comisión dun delito contable ao entender que queda absorbido pola defraudación tributaria, pois era a finalidade última do acusado.

O tribunal considera acreditado que o acusado, tras disolver a personalidade xurídica da orquestra París de Noia mediante a contratación das oficinas e sociedades do Grupo Lito, "obviou levar a preceptiva contabilidade mercantil, libros ou rexistros fiscais, escondendo os ingresos e gastos obtidos e sufridos respectivamente pola orquestra París de Noia".

O condenado, tal e como consta na resolución de primeira instancia confirmada pola Audiencia, mantivo a orquestra baixo a forma xurídica dunha comunidade de bens desde xaneiro de 1999 ata o 31 de xullo do 2008.

A partir desa data, coa intención de eludir impostos, decidiu manter opaca a titularidade da París de Noia, "disolvendo a comunidade de bens e perdendo así a orquestra a súa personalidade xurídica", polo que utilizou sociedades integradas no Grupo Lito para eludir o pago de tributos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta