Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:08
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que a xunta de goberno provincial aprobou este venres investimentos por un global de 1,5 millóns de euros para renovar infraestruturas viarias.
En concreto, trátase de tres actuacións. Por unha banda, deuse luz verde ao proxecto para "resolver demandas cidadás históricas" na estrada provincial EP-8402, no Concello de Cuntis por 604.000 euros. No Concello de Salvaterra de Miño, actuarase na EP-4006, para o que se destinarán 214.000 euros. Tamén se aprobou aprobado a adxudicación das obras na EP-3303, no Concello do Rosal, por 650.000 euros, para "reconverter de forma integral a estrada entre Tabagón e Goián".
Ademais, o Goberno provincial pechou este venres a liña 3 do Plan Concellos, destinada á creación de emprego para a conservación de bens e servizos municipais. Concretamente, complétase este programa de axudas con 36.000 euros para o Concello de Dozón para contratar a cinco persoas.
Segundo informou Carmela Silva, este ano solicitaron esta liña de axudas un total de 56 municipios, que recibiron un global de 9,2 millóns de euros para contratar a 876 persoas.
MESTRES COMPOSTADORES
Ademais, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres en Xunta de Goberno a terceira liña de axudas para subvencionar a contratación de mestres compostadores por parte dos 'Concellos Revitaliza'.
Este persoal pasará a formar parte do persoal de traballadores municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, coa xestión dos centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteros individuais, e atendendo á cidadanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.