Concello da Coruña e Xunta animan a entrar no programa de rehabilitación de inmobles 'Rexurbe'

"A intervención vén acompañada de políticas activas de recuperación do espazo público", remarcou tamén a rexedora herculina, Inés Rey.

Por E.P. | A CORUÑA | 19/04/2021 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña presentaron este luns a asociacións de veciños da cidade, empresarios e comerciantes os obxectivos principais da última convocatoria do Programa 'Rexurbe', unha iniciativa que ten como fin a adquisición e rehabilitación de inmobles deteriorados ou en estado de semiabandono en conxuntos históricos e zonas degradadas.

En declaracións aos medios, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, e a alcaldesa, Inés Rey, apelaron á participación, destacando que se trata dun plan que busca potenciar a rehabilitación da Cidade Vella e Pescadería.

"A intervención vén acompañada de políticas activas de recuperación do espazo público", remarcou tamén a rexedora, que agradeceu "a aposta" neste plan pola cidade herculina. E é que nesta cuarta convocatoria, a oferta pública deste ano para a compra de inmobles para rehabilitar centrarase nos centros históricos dos concellos de Ribadavia, Tui e A Coruña.

Dos 1,5 millóns de euros reservados para o programa en 2021, un millón está destinado só á cidade herculina, expuxo a conselleira, quen pediu a colaboración e implicación tanto da veciñanza coruñesa como do tecido económico e empresarial para garantir que se cumpran os seus obxectivos.

Como novidade, poderán presentar as súas propostas propietarios de inmobles situados na zona de Orzán-Panaderas e tamén na Cidade Vella, á que se decidiu estender este ano a convocatoria. "Optamos pola cidade da Coruña por segundo ano consecutivo", lembrou a titular de Medio Ambiente, quen destacou, como a rexedora, a colaboración institucional. "Esperamos que o éxito sexa total", expuxo.

A conselleira de Medio Ambiente,  Anxos Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presentan o programa 'Rexurbe' a entidades da cidade. ANDY PEREZ
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presentan o programa 'Rexurbe' a entidades da cidade. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta