O trío de jazz galego Sumrrá presenta o seu último traballo: 'Sete visións'

Un proxecto sorprendente e revelador que poderá escoitarse nas plataformas dixitais a partir do próximo 28 de abril.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Tras 21 anos xuntos, e centos de concertos por medio mundo, o trío de jazz galego Sumrrá presenta o seu sétimo disco, 'Sumrrá 7 visións'. Nel, segundo explican, reflexionan sobre o momento no que vivimos; "unha serie de visións para explicar de onde vimos, onde estamos e cara onde imos".

O grupo de jazz Sumrrá
O grupo de jazz Sumrrá | Fonte: arquivo

O pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido traen ao mundo este novo traballo discográfico que supón a "consolidación dunha forma de entender a música ao vivo única". Unha madurez e unha frescura que fan do trío de Jazz galego un grupo de culto que foi sumando adeptos ao longo de todos estes anos, a través dos seus discos, dos seus concertos e das súas xiras, que chegaron ata Seúl, Marrocos, París, Beijing, Shanghai, Bulgaria ou México, entre outros moitos lugares.

Neste último album, Sumrrá fai o exercicio inspirador de coller perspectiva e reformular a propia existencia a través da música. Os tres músicos afincados en Compostela miran con novos ollos o "Sapiens sapiens", o "Espazo interior" que habita dentro de cada un de nós, ou a "Ra", o astro Rei, fonte de toda vida.

Reflexionan, ademais, sobre a eterna posición na "Periferia Universal", ou sobre a permanente danza das "Forzas Gravitatorias". Contan a través da súa música que foi o que aconteceu "13.700 millóns de anos despois", ou por que son 7 os graos que separan "Asuán de Alexandría". Un proxecto sorprendente e revelador que poderá escoitarse nas plataformas dixitais a partir do próximo 28 de abril. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta