Reciclar plásticos e latas terá premio en Santiago de Compostela

Segundo Ecoembes é "unha evolución do modelo actual" coa idea de que a cidade sirva de banco de probas para a expansión da inciativa a outros municipios da Comunidade galega.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/04/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela estreará en Galicia o proxecto deseñado por Ecoembes polo que os veciños que reciclen botellas de plástico e latas recibirán puntos cos que entrarán en sorteos de premios e que tamén poderán destinar á finaciación de proxectos locais vinculados ao medio ambiente.

A través dunha aplicación informática, os residentes na capital galega terán a opción de escanear as latas e botellas que consumisen e que se converterán en puntos 'reciclos' co código 'QR' que haberá en todos os colectores amarelos de Santiago.

A iniciativa, que xa fuciona en once comunidades autónomas e que vivirá en Compostela a súa primeira experiencia en Galicia, foi presentada este mércores en Santa Marta, o barrio elixido polo concello santiagués para desenvolver o primeiro dos proxectos que os veciños poderán financiar cos puntos obtidos coa reciclaxe dos seus residuos.

"A idea é poder gozar de áreas de lecer que, nestes momentos, son zonas axardinadas pero non están acondicionadas", explicou a concelleira de Medio Ambiente, Milagres Castro, que estivo acompañada na presentación pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez, e o director de xestión local e autonómica de Ecoembes, Anxo Hervella.

O proxecto, que segundo Ecoembes é "unha evolución do modelo actual" de reciclaxe co que se pretende "premiar" aos que o fan, chega a Santiago coa idea de que a cidade sirva de banco de probas para a expansión da inciativa a outros municipios da Comunidade galega.

Así, cos puntos obtidos pola reciclaxe de latas e botellas, ademais de ter a opción de financiar proxectos como o do barrio de Santa Marta, os cidadáns tamén poderán entrar en sorteos de patinetes eléctricos ou produtos locais, como resaltou Anxo Hervella.

A responsable autonómica de Calidade Ambiental resaltou que o proxecto "coincide" cos obxectivos marcados na Estratexia galega de economía circular, que fixa como prioridade prolongar "a vida" dos materiais.

Ademais, tamén valorou que se aposte por "bonificar actitudes" en lugar de impor "novos impostos" como vía para implicar á cidadanía na reciclaxe. "Estaremos pendentes dos resultados para levar o proxecto a outros puntos de Galicia", engadiu Sagrario Pérez.

Presentación da iniciativa 'Reciclos' en Santiago
Presentación da iniciativa 'Reciclos' en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta