A Universidade de Santiago prevé máis de 7 millóns de euros para humanización, mellora de espazos e a Cidade da Saúde

O consello de goberno da institución abordará os orzamentos a próxima semana

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/04/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O consello de goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) abordará a próxima semana os orzamentos da institución académica, que incluirán máis de sete millóns en investimentos en infraestruturas con actuacións na humanización dos tres campus, a mellora, revalorización e recuperación de espazos e edificios, ademais do arranque do proxecto da Cidade da Saúde.

O reitor da USC, Antonio López, explicou que se dedicarán preto de dous millóns de euros a dous eixos de actuación que apuntan directamente a era post covid, encamiñados tanto á mellora dos espazos universitarios e da calidade de vida na institución.

O reitor e o xerente da USC percorren o campus sur
O reitor e o xerente da USC percorren o campus sur | Fonte: Europa Press.

Un deles será o plan de mellora do campus norte e sur en Santiago e do campus de Lugo, que se afrontará con medios propios e contará cun investimento de 600.000 euros en actuacións de humanización e mantemento de espazos.

No campus sur, todo o que ten que ver co plan especial para encaixar o proxecto da Cidade da Saúde, a patrulla de mantemento e limpeza, accións de humanización de espazos, ou a preservación da chamada 'senda segura', cunha intensa vixilancia e mellora da iluminación.

Así mesmo, realizaranse accións de mellora de seguridade, recuperación de aparcadoiros e de mobilidade peonil entre centros no campus norte, mentres que en Lugo inclúese o proxecto de traslado da Facultade de Formación de Profesorado ou a recuperación do anfiteatro para potenciar o uso cultural do espazo, entre outras.

A segunda liña neste ámbito contará con 1,3 millóns de euros para o proxecto 'espazo USC', destinado a recuperar os centros como espazos de actividade cultural e de vida universitaria. Así, inclúe accións para revalorizar diferentes ámbitos, como as cafetarías, para albergar actividades, e comezarase pola facultade de Xeografía e Historia.

Tamén se reorganizarán espazos para crear unha confluencia de servizos administrativos, conserxerías e de información ao alumnado nos centros, para ofrecer un punto de conexión e contacto aos estudantes de face á resolución de problemas e de necesidades.

Neste marco encádranse as accións no pavillón estudantil como espazo de acollida e benvida, ademais do uso de espazos e edificios para situar manifestacións de arte urbana que permitan mellorar a imaxe ao mesmo tempo que canalizar unha expresión artística.

A estes preto de dous millóns de investimento uniranse outro catro para empezar a desenvolver a Cidade da Saúde, mediante o arranque da elaboración de proxectos básicos e articular as necesidades dos diferentes centros expostos para a iniciativa.

Máis aló das accións na Facultade de Medicina na zona de San Francisco, búscase levar Farmacia e Enfermaría para articular un bloque de docencia xunto con espazos de investigación, como o CIMUS, para crear un complexo relacionado con esa rama académica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta