A Xunta rexeita remunerar a carga dos coidados no fogar que soportan as mulleres "predominantemente"

Considera que "iso imposibilitaría o seu acceso ao mercado laboral". O BNG acusa o Goberno galego de facer unha análise "simplista".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/04/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, rexeitou remunerar a carga dos coidados no fogar que soportan as mulleres "predominantemente" ao considerar que "iso imposibilitaría o seu acceso ao mercado laboral". Así se pronunciou na comisión de economía a preguntas da deputada do BNG Noa Presas, quen, ao escoitar esta formulación, acusou ao Goberno galego de "simplismo" na súa análise sobre esta problemática.

Confluencia do tres 'treboadas' feministras na Avenida de Lugo compostelas o 8M de 2021
Confluencia do tres 'treboadas' feministras na Avenida de Lugo compostelas o 8M de 2021 | Fonte: Europa Press

"Aparentemente na pregunta parlamentaria insinúa o recoñecemento económico do labor dos coidados que, polo momento, recaen predominantemente nas mulleres. Pero, señorías, é esta a solución?", preguntouse o alto cargo da Consellería de Emprego e Igualdade.

A continuación, expuxo que "a proposta da Xunta respecto da carga de traballo dos coidados no fogar soportada polas mulleres non é que esta veña remunerada, porque iso imposibilitaría o seu acceso ao mercado laboral, senón que aposta por facilitar ás traballadoras os mesmos instrumentos que aseguren a súa incorporación ao mercado de traballo en igualdade de oportunidades que os homes".

"Parece adecuado pensar que se ás mulleres se lles ofrecen as mesmas oportunidades laborais que aos homes, a repartición das tarefas debería ser homoxénea", concluíu.

Neste sentido, chamou a, deste xeito, ir "rompendo a modo a tendencia predominante de deixar os coidados en mans das mulleres".

Pola súa banda, Presas advertiu de que "esta crise sanitaria vai ter consecuencias sobre as mulleres" tamén no ámbito da carga dos coidados.

Así, lembrou que a folga feminista de hai algo máis dun mes volveu "pór enriba da mesa o lema de que sen coidados non hai vida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta