Aumenta a presenza de restos de cocaína en augas residuais de Santiago durante a pandemia, segundo un estudo

Alertan de que é unha das cidades con maior incremento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/05/2021 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías publicou un informe no que se recolle un aumento na presenza de compostos que forman parte da cocaína nas augas residuais de Santiago de Compostela.

Cocaína.
Cocaína.

O informe, difundido pola Asociación Érguete, que expón os datos recollidos durante o ano 2020, afirma que nas augas fecais da capital galega produciuse un aumento do 10% con respecto ao 2019 da benzoilecgonina, o principal metabolito da cocaína. Este dato pon a Santiago como unha das cidades con maior incremento.

Desde a Asociación Érguete consideran que o informe, sen afirmar que o consumo de cocaína en Compostela se incrementou, pon no foco o problema da drogodependencia con este tipo de substancias. Especialmente desde que comezou a pandemia, debido ás alteracións psicolóxicas que esta supuxo para a poboación xeral.

Pero non só Érguete chega a esta conclusión. Asociacións de Bélxica, Irlanda, Francia ou Portugal apuntan a que o consumo de cocaína "parece aumentar durante a pandemia". Ademais do auxe dos problemas psicolóxicos, estes organismos tamén achacan este aumento aos novos métodos de venda dos traficantes, os cales ofrecen doses máis pequenas a un prezo máis barato.

O informe do Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanías tamén recolle os datos do aumento de alcol nas augas residuais de Santiago. A través dunha gráfica mostran como, a pesar de que o consumo descendera nos primeiros meses de confinamento, coa relaxación das medidas no verán este consumo disparouse de maneira clara.

Neste sentido, a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, entende que a mellor maneira de loitar contra os problemas adictivos é "apostar pola educación e por unha mellora da atención ás persoas que sofren esta problemática. O primeiro paso para abordar este problema debe ser detectar a que se debe este incremento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta