Feijóo sostén que Galicia é "unha das CCAA que mellor resiste" a pesar de liderar a suba do paro

Pontón e Caballero censuran a actitude do presidente e a líder da oposición pídelle que "marche para a casa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2021 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A sesión de control deste mércores 12 no Parlamento Galego contou coa aceda resposta dos líderes da oposición fronte aos "balóns fóra" de Feijóo, en palabras de Pontón. "Acto de cinismo é dicir que o máximo responsable da Xunta non ten nada que ver coa crise industrial que atravesa este país", espetou a líder do Bloque, que considerou que "o máis útil" que pode facer Feijóo é "pechar o seu despacho" e "marchar para a casa". "Porque Galicia necesita un presidente que se responsabilice e non bote balóns fóra", sostivo.

Tras citar diversas industrias que "pecharon ou teñen dificultades" en Galicia, Pontón incidiu en que a "desertización industrial" é "anterior á pandemia". "Basta con facer un balance da última década para ter unha radiografía obxectiva", manifestou a portavoz nacional do Bloque, que culpou a Feijóo de deixar a "un sector na UCI".

"Miles de postos perdidos e miles de empresas destruídas. Desde que senta na Xunta Galicia perdeu 27.000 empregos no sector e pechou 2.947 industrias. É dramático", dixo para sinalar que este "desastre sen paliativos" está "a arruinar comarcas enteiras" e "ten dúas causas: a súa falta de política industrial e a súa incapacidade para defender os intereses de Galicia", apuntou.

CRUZAMENTO DE DATOS CON CABALLERO

Pola súa banda, na sesión, o secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou que Galicia é a comunidade cun "maior incremento do desemprego". "Encabeza a subida do paro no primeiro trimestre, máis de 12.000 negocios pecharon ou despediron ao seu persoal, cunha media de 25 peches ao día", advertiu.

Os datos ofrecidos polo socialista foron replicados polo presidente da Xunta, quen afeou a Gonzalo Caballero que fale "dunha enquisa dun trimestre" pero "para nada de que nos últimos 12 meses Galicia baixou o paro máis de 20.000 persoas". "Creou máis de 27.000 afiliados, e é a comunidade autónoma con maior baixada de España no último ano", afirmou.

"A economía en Galicia ata a pandemia funcionaba, e funcionaba dunha forma bastante intensa", sostivo o presidente, que lembrou que "levaban cinco anos crecendo as exportacións, cinco anos crecendo o PIB, cinco anos baixando o paro e incrementando as afiliacións á Seguridade Social".

GALICIA, "UNHA DAS CCAA QUE MELLOR RESISTE"

"Pero se quere vostede coller o ano da pandemia, podemos acreditar que Galicia é unha das comunidades autónomas que maior resiste a pandemia", subliñou Feijóo. "Somos a terceira comunidade con menor débeda de PIB de toda España, somos a comunidade que máis inviste con cargo aos seus orzamentos e somos a comunidade que mellor pagou durante todo o ano 2020, durante a pandemia, na metade de tempo que a Administración Xeral do Estado", argumentou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta