O conselleiro de Educación esixe que o Estado aclare a dotación orzamentaria para gastos xerados pola COVID

"O único que temos encima da mesa é un borrador de protocolo para o próximo curso. Desde a Xunta defendemos que, podamos definir un protocolo de transición cara á normalidade" di Román Rodríguez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Galicia defenderá este mércores na reunión do Consello Interterritorial de Sanidade e de Educación que se elabore, de modo "conxunto e dialogado" coas comunidades, un "protocolo de transición" para o próximo curso que permita "avanzar cara á normalidade" no día a día dos centros escolares.

Esta será unha das principais reivindicacións que trasladará a Xunta no encontro entre os responsables autonómicos coas ministras Isabel Celaá e Carolina Darias, ademais de solicitar que se aclare a dotación de fondos do Goberno central ás comunidades para facer fronte á adaptación e os gastos derivados da xestión da pandemia.

O encontro deste mércores ten por obxecto debater o dispositivo xeral do próximo curso e, en concreto, o documento 'Proposta de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte a COVID-19 para centros educativos no curso 2021-2022' elaborado polo Goberno central, que recolle unha serie de medidas para afrontar o próximo período académico.

Entre elas, exponse un curso presencial en todas as etapas educativas e que se manteñan as medidas básicas de seguridade e hixiene para frear contagios de COVID-19: uso de máscaras, 'grupos burbulla' e distancia de seguridade, que nalgúns casos permitiríase rebaixar dos 1,5 metros ata os 1,2.

Fontes da Consellería do ramo trasladaron  que é "esencial" iniciar xa a planificación do curso e que así o solicitaron por carta "hai varias semanas" os responsables de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Xullo García Comesaña, ás súas homólogas do Goberno central.

"Nestes momentos, o único que temos encima da mesa é un borrador de protocolo para o próximo curso. Desde a Xunta defendemos que, de modo conxunto e dialogado, podamos definir un protocolo de transición para avanzar cara á normalidade", sinalaron desde Educación.

AXUSTAR MEDIDAS

A pesar de que non entraron na valoración das medidas concretas que se deben aplicar no próximo período académico, a Xunta incidiu nese concepto de curso "de transición" e o propio Román Rodríguez apostara a pasada semana por "ir axustando algunhas medidas" en función da evolución epidemiolóxica, xa que "non tería sentido manter as pensadas para unha situación de presenza moi forte da pandemia" ante a previsión do Goberno de que se alcance a inmunidade de grupo en menos de catro meses.

Así mesmo, Educación defendeu a importancia de que o Estado aclare a dotación orzamentaria para facer fronte aos gastos extraordinarios motivados pola xestión das medidas covid. "É necesario coñecer a dotación de fondos extra estatais cos que imos contar, posto que en Galicia tivemos que facer fronte a un gasto extraordinario de 162 millóns de euros no ensino derivado das necesidades e medidas contra a covid-19", engadiron.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta