O Consello de Contas detecta "defectos graves" na contabilidade do Goberno de Manuel Baltar

Reproba que a Deputación de Ourense dese sen concorrencia en torno ao 80% de contratos e subvencións en 2018. O PSdeG apunta a Feijóo como "responsable da dedocracia e opacidade que Baltar instaura en Ourense".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 18/05/2021 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O informe do Consello de Contas sobre a contabilidade da Deputación de Ourense correspondente a 2018 constata "defectos graves" que "impiden considerala como conta rendida" e pon o foco en que a institución provincial optou por vías distintas á da concorrencia competitiva á hora de entregar nese exercicio a maior parte de contratos e subvencións.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense
Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense | Fonte: Deputación.

A institución provincial, que dirixe Manuel Baltar, presentou alegacións nas que lembra que sufriu un hackeo que afectou os seus sistemas e a conta xeral deste exercicio, e que non tiña "intencionalidade" algunha de ocultar documentación ao órgano fiscalizador. Respecto diso, o informe constata que repetiu a rendición --recibida a 25 de xaneiro deste ano e aínda non revisada--.

Así o recolle o documento aprobado polo pleno do órgano fiscalizador o pasado 1 de marzo, que certifica que a institución provincial, que si cumpre cos prazos fixados para aprobar os seus orzamentos anuais, non se axustou ao establecido para a rendición da conta xeral de 2018 e que, ademais, presenta "defectos graves".

Entre outras cuestións, subliña que non se remitiu información sobre a subscrición de calquera tipo de convenio que supuxese compromisos económicos de máis de 600.000 euros segundo se estable na lei do réxime xeral do sector público.

Si se remitiu ao Tribunal de Contas e ao órgano fiscalizador galego a información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos.

SUBVENCIÓNS E CONTRATOS

Con detalle, Contas incide na análise das áreas de subvencións e contratación da institución provincial. Así, reproba que o procedemento de concesión de subvencións máis empregado foi "a concesión directa nominativa" prevista nos orzamentos, que representa o 84% das subvencións concedidas no exercicio de 2018; ademais, durante o exercicio realizáronse varias modificacións orzamentarias para incluír novos beneficiarios e axudas.

Censura, do mesmo xeito, que a institución que dirixe Baltar non cumpre coa obriga de publicidade na base nacional de subvencións en relación coas axudas nominativas.

E no que respecta aos contratos, apunta que o 80% do volume contratado en 2018 realizouse como "contrato menor". Por este procedemento adxudicáronse todos os contratos de obras do plan provincial de cooperación a obras e servizos municipais. Subliña que, de acordo coas súas bases de execución, a competencia para a contratación das obras do plan corresponde á Deputación.

Así mesmo, constátase que o 70% do volume dos contratos menores de obras concentráronse en cinco adxudicatarios; e entre as empresas adxudicatarias de contratos menores, dous superaron o millón de euros de facturación e seis os 100.000 euros.

Por outra banda, Contas incide en que hai contratos menores, como o servizo de reparación de vehículos que, polo seu obxecto, teñen carácter recorrente e vanse repetir en anos sucesivos, que poderían ser mesmo considerados "contrarios a dereito" se o órgano de contratación é consciente das súas características cando empeza a tramitalos.

Tanto no caso de axudas como de contratación, Contas recomenda dar preferencia a outro tipo de procedementos asentados na concorrencia competitiva.

OFERTAS "ANORMALMENTE BAIXAS" E PERSOAL

Contas tamén detecta unha falta de criterios homoxéneos "na identificación de ofertas anormalmente baixas" e afea á institución provincial que "non existe unha planificación da contratación a medio prazo" nin se asina unha declaración de ausencia de conflito de intereses polos implicados nos procedementos de contratación.

Así mesmo, ratifica que o persoal funcionario representa só o 29 por cento do total do persoal da Deputación.

E no apartado de transparencia, insta á Deputación a completar a información que ten que ser publicada por "obriga legal", incluíndo a revisión da organización da información e a súa actualización, empregando sempre formatos de arquivos electrónicos reutilizables.

Ao tempo, conclúe que a Deputación "non conta cunha suficiente estrutura de persoal" para dar cobertura ás esixencias en materia de control financeiro.

Así mesmo, fai constar que, no exercicio analizado, producíronse modificacións orzamentarias por máis de 29,5 millóns, que representan máis do 36% dos créditos iniciais, circunstancia que "tamén se produciu nos catro exercicios anteriores". Neste sentido, achouse a existencia de aplicacións orzamentarias con importantes incrementos de crédito nas que a execución non alcanzou o 24%.

O informe de Contas si concreta que se cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, da regra de gasto, de débeda e do período medio de pago; á vez que subliña que non dota ningunha provisión para cubrir os riscos que puidesen derivarse da resolución de procedementos xudiciais.

"DEDOCRACIA"

Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou este martes a "gravísima falta de rendición de contas, opacidade e a discrecionalidade" da Deputación de Ourense, en referencia ao informe do Consello de Contas.

Ao respecto, Gonzalo Caballero subliñou que tres datos dese informe son "demoledores": o 84% das subvencións concédeas nominativamente, o 80% das contratacións fainas a través de adxudicacións directas sen publicidade nin concorrencia e, ademais, o 70% da contratación concentrouse en tan só cinco adxudicatarias.

Ante estes datos, o líder do PSdeG culpou a Feijóo de "manter a dedocracia, o caciquismo e a opacidade de Baltar" na administración provincial ourensá, "a única das catro galegas que se atopa nesta situación".

"Feijóo é o culpable de manter á dinastía Baltar no pazo provincial, que segue cos mesmos métodos de caciquismo e repartición discrecional de fondos propio do século XIX sen render contas", afeou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta