Eólicos mariños, unha solución ás instalacións terrestres ou unha invasión da costa?

A produción eólica mariña está collendo forza entre o empresariado galego e foráneo con intereses en Galicia. O 31 de maio de 2021 Asime e a Galician Offshore Energy Group (GOE) apuntaban tres lugares como puntos de referencia, A Mariña, Punta Langosteira e o Valmiñor, como potenciais enclaves para instalar aeroxeradores en augas atlánticas. É isto unha resposta á proliferación de parques en terra firme ou é un complemento?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A instalación de muíños de vento en áreas marítimas lonxe da costa (off-shore) ten diferentes lecturas segundo as posicións de empresarios, autoridades políticas e movementos ecoloxistas e ambientalistas. Unha é a de aliviar a presión en relación ao número de parques eólicos en terra, sobre todo polas protestas nos últimos tempos ante determinadas instalacións. Outra lectura é a pouca incidencia que poderían ter estes enxeños sobre o ambiente mariño e por último, a posible apertura dun nicho de mercado para a construción en estaleiros, agora mesmo case que parada nos estaleiros galegos.

Eólicos mariños
Eólicos mariños | Fonte: ecovive

OFF-SHORE

A implantación destes aeroxeradores farase en augas afastadas da liña de costa, fóra de áreas como baías, esteiros ou rías. “Son instalacións sobre plataformas frotantes que logo van ancoradas ao fondo mariño” di Cristóbal López de Ecologistas en Acción. As competencias para a súa instalación pasan pola administración central por ter as competencias sobre as augas territoriais máis exteriores.  “Hai un documento do Goberno central ao que se lle presentaron alegacións, sobre todo desde Andalucía, mais tamén Galicia presentara alegacións en canto consecuencias sobre a pesca”.

“Non hai unha estratexia clara sobre o aproveitamento eólico en augas territoriais do Estado” indica Fins Eirexas de Adega. A estratexia pasaría por realizar estudos en profundidade sobre a rendibilidade e necesidade reais destes espazos produtivos. “Carecemos dun marco de planificación estratéxica para resolver a cuestión de se necesitamos aeroxeradores no mar cando temos os montes inzados”. Sobre a potencia que se pode ter dos muíños nas costas galegas son cifras aproximadas, desde os 300 Mw aos 96 Gw.

A proliferación de parques terrestres e “o rexeitamento que está provocando esta eólica terrestre, posiblemente estea detrás deste movemento empresarial cara a eólica no mar” sinala Iñaki Varela de Verdegaia. Xa houbera estudos anteriores que ficaron parados por cuestións medioambientais e de orografía. “Para nós deberíase discutir cal é o marco en que se vai desenvolver, se son necesarios macroxeradores, parques máis esparexidos e quen levará a produción, empresas ou fondos de investimento”.

A Vicepresidencia segunda da Xunta e Consellería de Economía, expón que desde o executivo galego a intención “é estudar o desenvolvemento do sector da eólica mariña a través dun Hub de eólica offshore”. O obxectivo marcado é a consolidación desta enerxía renovable “o ámbito industrial e o impulso para levar adiante proxectos de xeración”.


AFECTACIÓNS E CONSECUENCIAS

As plataformas (tamén chamadas jacktes) sobres as cales se instalarían os eólicos no mar, terían tanta incidencia no medio marítimo como os equivalentes terrestres sobre as superficies onde se instalan? “Todo pode contaminar, mais a eólica mariña tería menos impacto debido ao sistema de ancorado no fondo marítimo” di Cristóbal López. “Quen posiblemente poida tirar maior rendemento a priori serían os estaleiros que deseñen e monten as jackets”.

Desde Adega insiste na necesidade de coñecer se estes proxectos “responden a algunha necesidade ou se estamos diante dunha burbulla especulativa” di Eirexas. O temor é que se estea a “producir por producir”, dándolle resposta ás peticións do “oligopolio enerxético”. A isto engade as posibles repercusións “sobre a costa e as especies que viven neses espazos”, pensando na produción pesqueira e na protección da fauna.

Sobre este último punto, Iñaki Varela tamén coincide sobre a observación das afectacións “sobre as aves migratorias, as especies mariñas que poidan ver afectado o seu hábitat”. De nada serve falar de renovables xusto agora “nun momento crítico coa transición ecolóxica apostando polas renovables se en realidade imos consumir o mesmo, é dicir, rebaixar o consumo eléctrico”. Á parte, Varela sinala que “eu creo que está transcendendo unha aposta polas renovables onde se implican as grandes empresas con macroproxectos”.

Desde a Xunta tense a intención de crear un observatorio que “sirva como punto de encontro para o diálogo entre a administración, o sector e os axentes económicos”. Isto explícase con que calquera decisión que se adopte “neste eido ten que ir da man da industria, da actividade marítimo-pesqueira e das empresas deste ámbito”. Non se di nada de agrupacións sociais, veciñais ou organizacións ambientalistas. “Este observatorio encargaríase de identificar as oportunidades da eólica mariña e tamén de analizar o seu impacto nas costas galegas”. Finalmente, a Xunta declara que todo canto se faga “virá determinado polo que marque o Goberno central nos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM)”.

A discusión dun marco onde se aclare se a eólica mariña é necesaria, quen vai controlar a produción e cara onde vai ir, se haberá prexuízos para a pesca, a fauna mariña e mesmo o turismo de praia e por último, se isto axudará a cambiar o modelo de consumo. Todo isto e máis puntos conformarían un marco de discusión sobre os eólicos no mar que sectores ambientalistas queren pór en discusión. Atender ás necesidades ou ás peticións da industria?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta