O TS di que basta unha lei ordinaria para limitar dereitos pero sería "desexable" unha específica para a pandemia

O novo recurso de casación céntrase en controlar se os TSJ comproban que as restricións son idóneas e proporcionadas.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 24/05/2021 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo establece que a limitación de dereitos fundamentais non debe facerse "necesariamente" por lei orgánica -basta incluso unha lei autonómica-, aínda que engade que é "desexable" poder acudir "a unha regulación especifica para afrontar a pandemia que detalle cantos extremos sexan susceptibles de precisión para ofrecer a máxima seguridade xurídica".

Así o sinala a sentenza, coñecida este luns na súa integridade, na que a Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal rexeita o recurso do Goberno de Canarias tras a non ratificación do peche perimetral das illas por alta incidencia de covid. A resolución establece que a Lei de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública de 1986 pode ofrecer cobertura a limitacións puntuais de dereitos dos cidadáns, pero sempre que a Administración autonómica xustifique razoablemente as súas medidas.

No texto da sentenza o alto tribunal sinala especificamente que cando se trata da limitación de dereitos fundamentais polo lexislador, "o primeiro que é mester precisar é que non necesariamente debe facerse por lei orgánica".

Admite que é certo que o desenvolvemento dos dereitos fundamentais está reservado a esa fonte (artigo 81.1 da Constitución, aínda que engade que "con carácter xeral a lei ordinaria é suficiente para regular o exercicio dos dereitos, aínda que ao facelo haberá que respectar o seu contido".

Para o Supremo, establecer limitacións puntuais de dereitos, mesmo fundamentais, non equivale a desenvolvelos sempre que, polas características das restricións, non cheguen a desnaturalizalos. Por iso subliña que dentro da regulación que pode facer a lei ordinaria "cabe, pois, a imposición de limitacións puntuais aos dereitos fundamentais" e que "sendo suficiente para iso a lei ordinaria, esa reserva pode ser satisfeita tanto pola lei do Estado canto polas leis que, dentro da súa competencia, diten as comunidades autónomas".

No entanto, a sentenza cuxo fallo adiantado o pasado venres engade que "sen ningunha dúbida é desexable que, no canto de acudir a conceptos indeterminados e cláusulas xerais, puidésemos acudir a unha regulación especifica para afrontar a pandemia".

Nos fundamentos xurídicos da súa sentenza, o alto tribunal apunta respecto deste extremo que "non pode preverse todo e tampouco pode dicirse que os preceptos examinados adoecen de tal indeterminación que permitan facer calquera cousa ás administracións que os utilicen".

Pola contra, engade, "delimitan cunha precisión mínima o campo da súa aplicación (...). E non é unha novidade que os tribunais deban extraer do ordenamento xurídico os criterios para resolver problemas que non recibiron unha solución precisa por parte do lexislador".

Isto significa, segundo engade a sentenza, que é a primeira que se dita facendo uso do novo recurso de casación creado polo Goberno para afrontar as restricións por covid 19 unha vez levantado o estado de alarma, "que será necesario examinar cada medida e valorala atendendo á luz dos criterios extraídos destes preceptos, se cumpren as esixencias de adecuación, necesidade e proporcionalidade. En definitiva, a lexislación sanitaria si autoriza a limitación da liberdade de circulación sempre que se dean as condicións por ela previstas".

Arquivo - Tribunal Supremo. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Tribunal Supremo. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta