Case 40 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos Premios de Teatro María Casares

Este martes iníciase a primeira rolda de votacións, da que sairán os espectáculos e profesionais finalistas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/05/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Un total de 38 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados de forma anual pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 14 de maio, "rexistrando unha gran participación", sinalan desde a organización.

Estas 38 montaxes postúlanse en catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Tras a fase de inscrición, a AAAG inicia este martes a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Desta maneira, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores.

Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de xuño.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997. Este ano, a entrega celebrarase o próximo 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro, tras a decisión de atrasar a súa data habitual no mes de marzo pola situación sanitaria.

Ese día concederase tamén o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle dá cada ano, como homenaxe, a unha persoa ou a unha entidade. Tamén se lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo
Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta