O Sergas insiste na teleasistencia: "Volver á presencialidade ao 100% empobrecería a atención primaria"

Responsabiliza aos sanitarios: "son eles os que deciden que pacientes van ao centro de saúde para recibir a consulta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2021 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Manuel Flores, asegurou que o regreso "sen máis" da presencialidade "ao cento por cento" na atención primaria suporía "empobrecer a capacidade" do primeiro escalafón do sistema sanitario galego "e desandar o camiño" emprendido para "fortalecer" este nivel asistencial.

Afirmouno en resposta a unha pregunta formulada polo parlamentario do PSdeG Julio Torrado durante a Comisión 5ª de Sanidade da Cámara galega, na que o deputado censurou que o Sergas "traslade a culpa aos profesionais" do non regreso ao sistema de presencialidad na atención primaria tras o modelo de teleasistencia implantado durante a pandemia.

"A cidadanía demanda cambios e vostedes transmiten que é culpa dos profesionais", continuou Torrado, que usou unha comparación futbolística para ilustrar o que, ao seu xuízo, realiza a Xunta cos traballadores da sanidade, equiparándoa á non convocatoria do xogador do Celta de Vigo Iago Aspas coa Selección Española que dirixe Luís Enrique.

"Adoitan falar ben dos profesionais e dicir que son excelentes, porque o son. É un pouco o que fai Luís Enrique con Iago Aspas. Falan moi ben do talento, pero á hora da verdade métenlles unha labazada. E iso non é decente", sentenciou Torrado, que instou ao Sergas a retirar o acordo de xestión que, segundo o socialista, "impide" que os médicos de atención poidan volver á total presencialidade nas súas citas cos pacientes.

Na súa resposta, Flores dixo que volver "sen máis" ao sistema de presencialidade absoluta nos centros de saúde "sería empobrecer a capacidade da atención primaria" e "desandar o camiño" para "fortalecer" este sitema a través do modelo "mixto" que pretende implantar a Xunta.

Neste sentido, o responsable do Sergas defendeu que o acordo de xestión, que, como lembrou, se usa desde os anos 1990 para fixar obxectivos, establece unha porcentaxe maior de consultas presenciais para 2021 respecto ao pasado.

"Pensamos que hai motivos suficientes para aumentar a presencialidade, pero sempre con seguridade", engadiu antes de incidir en que existe "disparidade" entre centros de saúde respecto ao número de citas presenciais. Como exemplo disto, afirmou que hai profesionais que alcanzaron o 97% de atencións presenciais, posto que "son eles os que deciden" que pacientes "van ao centro de saúde" para recibir a consulta.

O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA
O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta