Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 11:19
Galicia cumpre a terceira semana sen estado de alarma cun repunte importante da presión hospitalaria pola pandemia de covid-19, xa que os ingresados subiron en 10 nas últimas 24 horas, ata o total de 117. Iso si, os casos activos da enfermidade volveron a baixar por oitavo día consecutivo e sitúanse en 2.300, debido a que as altas seguen superando aos novos contaxios. No que respecta á presión asistencial, segundo os datos publicados este domingo pola Consellería de Sanidade, solicitados ata as 18,00 do sábado, a subida no número de ingresados débese ao aumento dos pacientes en planta, que suman 89 --10 máis--, aínda que os de unidades de coidados intensivos se manteñen sen variacións, nos 28.
Por áreas sanitarias, tan só a de Lugo-A Mariña-Monforte aguanta e non repunta os enfermos de covid que require hospitalización, que seguen no total de 12, dos que tres están na UCI. En canto ás seis áreas restantes, todas rexistran unha subida lixeira fóra da de Santiago-Barbanza, que suma catro novas hospitalizacións, ata sumar 23. De todas elas, cinco están en críticos, un máis que nos datos do sábado.
Por parte do resto, a área da Coruña-Cee mantense á cabeza con 27 ingresados (+1), catro destes na UCI (sen variacións); en Vigo son 25, dos que cinco están en coidados intensivos; en Pontevedra-O Salnés hai 14 hospitalizados (+2), catro deles críticos; en Ourense-Verín-O Barco son un total de 12 (+1), dos que a metade seguen na UCI; e na de Ferrol subiron a catro os ingresados (+1), aínda que diminuíron a un (-1) os que están en coidados intensivos.
CASOS ACTIVOS EN DESCENSO
Os casos activos de covid no conxunto de Galicia seguen coa tendencia descendente por oitava xornada consecutiva ao caer a 2.300, medio centenar menos que a xornada anterior. O descenso replícase en cinco das sete áreas sanitarias. As excepcións volven ser este domingo a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes repuntaron ata os 244 (+10); e Ferrol, con 91 (+1). Así, este parámetro baixou na área de Vigo, aínda que segue na cabeza con 678 pacientes (-22); seguida da Coruña-Cee, que se coloca segunda con 418 (-8); Santiago-Barbanza, con 415 (-12); Pontevedra-O Salnés, con 276 (-14); e Ourense-Verín-O Barco, con 178 (-12).
MÁIS CONTAXIOS
Pola súa banda, os novos contaxios detectados nas últimas 24 horas por calquera tipo de proba repuntaron ata os 124, despois dos 110 notificados o sábado. No entanto, a xornada do domingo mantense por baixo dos 143 notificados o venres e dos 130 do xoves e o mércores. A cifra mínima da semana foi a do martes: 89.
Das 124 novas infeccións descubertas, 39 localizáronse na área sanitaria de Vigo. Séguelle a da Coruña-Cee con 24; Santiago-Barbanza con 20; Lugo-A Mariña-Monforte con 18; Ferrol con 10; Pontevedra-O Salnés con outras 10; Pontevedra-O Salnés, con só oito; e pecha a táboa Ourense-Verín-O Barco, con cinco. Por tanto, os contaxiados de covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galicia ascenden a 126.749, dos cales 30.375 corresponden á área da Coruña; 25.014, á de Vigo; 19.954, á de Santiago; 15.697, á de Ourense; 14.255, á de Pontevedra; 12.860, á de Lugo; e 8.594, á de Ferrol.
PCR E POSITIVIDADE
Desde o inicio da pandemia, Galicia realizou 2.247.556 PCR, o que permite deducir que nas últimas 24 horas se fixeron 5.779 probas. Son unhas 300 máis que o día anterior. Polo seu lado, a taxa de positividade mantense no 1,9%, valor que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.