Adelina a 'Jabalina', a muller do saco que a todos asustaba e "tan ben cantaba nas misas"

A Jabalina de Xeve foi unha muller que naceu aló polo 1912. Alta, sucia e vestida con trapos. "Parecía un espantallo" e os nenos tíñanlle medo. A historia de Adelina Franco agocha unha historia triste pero que fixo rir a moitos. Quedan poucos, pero algúns aínda a recordan.

Por Alicia Casas | Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A historia de Adelina a Jabalina é unha desas historias nas que unha persoa, por mor das súas singularidades, se convirte en personaxe. En patrimonio inmaterial dunha vila, imaxinario colectivo das xentes. Chamábase Adelina Franco e foi unha muller moi alta, de pelo curto e pel cuberta de costras, moura, de ollos fondos, andaba descalza, vestida con trapos, ao lombo con sacos e un can pequecho ao que chamaba Luisiño. 

Adelina Franco 'A Jabalina' en Santa María de Xeve.
Adelina Franco 'A Jabalina' en Santa María de Xeve. | Fonte: Fonte: Ángela Rivas Fontán.

Natural de Xeve e de sobra coñecida tamén por Pontevedra, andaba pola rúa e aínda que tiña propiedades, cobizábase en recunchos. Vendía leña, non lle daba para moito, pero non vendía o carballo. "Iso véndese unha vez e nada máis", dicía. E como andaba sempre sucia dicíanlle que se fora lavar e ela contestaba: "tanto lavarse, tanto lavarse, así hai tanto tuberculoso". Non facía dano a ninguén pero os nenos tíñanlle medo.Tan alta, descalza, con sacos e así como vestía "era como mirar para un espantallo", di Ángela Rivas Fontán, que non lle tiña medo pero si "moito respeto".

Hoxe non hai tantos que poidan falar dela porque "os vellos xa case morreron todos". Pero Ángela Rivas (Lita) si a coñeceu ben, con 15 ou 16 anos, cando Adelina ía pola súa casa e lle pedía á súa nai, Dolores, unha cunquiña de viño e algo para meter na boca. "Ai, Dolores, pola almiña de quen che vai alá...", lembra que lle dicía. Entón Dolores dáballe viño e algo de comida e aí sentaba no chan de Santa María.

Sucedía cada certo tempo porque Adelina non andaba sempre pola aldea, aparecía e desaparecía: "andaba fóra e collía o tren ata Redondela ou marchaba para Santiago e como non collía billete botábana sempre, pero ela baixaba e subía no seguinte e así recorreu toda España". Nunha desas, recorda, foi a Madrid co seu pai e xa ninguén volveu ver nin saber de Severino. Preguntábanlle que fora del pero ela non contestaba. O irmá de Ángela, Manuel, dicíalle: "e logo que fixeches co teu pai, embarcáchelo?". E Adelina contestaba "si, embarqueino".

- Pois xa me podías embarcar a min tamén.

- Non, xa teño a embarcación completa.

Era un muller moi seca, moi seria, que daba moi boas respostas. Lita lembra como a súa amiga Maruja Ameijeiras falaba coa Jabalina: "preguntáballe sobre xeografía e política e Adelina sabía moito, tiña moitos libros". Era moi difícil de enganar porque era moi lista e moi desconfiada, di, pero unha vez o seu irmá Manuel conseguiuno. Gustáballe moito facela rabiar e deulle un papel e retouna a firmar para ver se sabía escribir. "Que vas saber saber ti..." Ela díxolle que si sabía e cando firmou, Manuel espetoulle: "alá che vai todo o capital". Ela non o acababa de crer pero aínda así toleou e berraba polo pai deles: "Juanito, Juanito, vén aquí que ese teu fillo está loco!".

Esa é unha das historias que recorda Ángela Rivas, pero hai outras. Recorda cando andaban na finca unhas xornaleiras e Adelina se xuntou a elas. Púxose a sachar a viña mentres as escoitaba falar das malas linguas, que dicían que os fillos dunha delas eran fillos dun cura. Falaban e falaban e Adelina non dicía nada. A xornaleira aludida defendíase e dicía que non era certo, falaban e falaban, Adelina escoitaba. Pero cravou o sacho na terra e dixo: "eu críache millor". Porque para a Jabalina era mellor ter fillos cun crego que co "ghrilo" co que andaba casada.

Sobre os seus amores ninguén soubo moito nunca. Só que cando lle preguntaban que por que non tiña fillos, ela contestaba "eu dixen que fillos non quería, porque mira, eu sonche moi ghrande e o fillo podía ser alto coma min, e altos non hai ninghún listo". Tamén, conta Ángela Rivas, disque andaba namorada dun tal Salvador que ninguén coñecía "pero non mirou para ela. Sabíase porque falaba soa, como cantando "Ai Salvador, non me quixeches, Salvador..".

O certo é que a loucura da Jabalina tiña razón de ser. Cando tiña vinte anos morréralle a nai e segundo conta Ángela Rivas, ese foi o momento no que "houbo un curtocircuíto". Non o único, tampouco. Porque lembra tamén que foi máis tarde cando se volveu "realmente tola". Ía á fonte a coller auga cos cántaros e había unhas rapazas que se metían moito con ela: "non sei que lle dicían pero o caso é que se metían con ela e Adelina, farta de seguirlles a corrente, enfadouse e cravou na espalda dunha un compás que levaba con ela".

Lita non o viu, conta, pero lembra á súa nai Dolores falar de Adelina como unha rapaza "moi guapa, ben feita, e que cantaba moi ben nas misas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pilar

Fantástico. Habría que recuperar más "vivencias" cómo esta de nuestros mayores, y difundirlas en las escuelas, ayudarían a valorar más a nuestros niños y jóvenes, la vida que tienen.