Por Galicia Confidencial | O Grove | 25/11/2013 | Actualizada ás 08:00
13,08. Esa é a nota que, polo momento, acadou Alma María Pérez Aguiño, filla do acalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez, nunhas oposicións a administrativo convocadas pola Deputación de Pontevedra.
Aínda quedan tres exercicios pero Pérez Aguiño só ten dous rivais que, curiosamente, teñen un 8,65 e un 6,35, respectivamente. Son os únicos tres supervivintes de 77 candidatos. O resto foron eliminados na segunda proba da oposición
Alma María Pérez é filla de Miguel Ángel Pérez, tamén funcionario e alcalde de O Grove en 1991, mandato que iniciou na oposición e rematou como goberno. En 1999 foi relixido e repetiu en 2003. En 2007 perdeu a alcaldía e foi xerente do Parque de Bombeiros do Salnés, tamén dependente da deputación. En 2011 volveu encabezar a candidatura do PPdeG que foi a máis votada obtendo sete concelleiros pero sen maioría absoluta. Miguel Ángel Pérez volveu ser elixido alcalde pouco despois grazas ao apoio dos concelleiros Alfredo Bea (PGD) e Aida Filgueira (AMeca).
A candidata a estas oposicións da deputación tamén se benificiou en 2010 dun programa da Xunta de desenvolvemento do comercio asociado en 2010. Previamente, en xullo 2008, xa se candidatara a varios empregos no organismo que dirixe Rafael Louzán, entre eles, aos de director do proxecto Aquelando 2, como técnica de emprego e inserción social, como orientadora laboral, como técnica en formación e axente de igualdade de oportunidades, como téncio de autoemprego e redes locais de emprego, como auxiliar administrativo, como auxiliar de orientación laboral e como auxiliar de inserción social e redes locais de emprego.
En 2012, Alma María Pérez Aguiño traballaba tamén para o organismo provincial como coordinadora da Oficina Provincial de Comercio REDIC e dirixindo a Campaña de Dinamización Comercial "Merca na rúa", unha campaña de dinamización comercial que desde o ano 2009 leva xa percorridas 20 vilas da provincia de Pontevedra e repartidos 60.000€ en vales de compra entre 520 persoas agraciadas.
Esta muller está casada con Martin serantes alvarez, concelleiro das áreas de Urbanismo e Medio Ambiente en Ribadumia --concello natal de Rafael Louzán-- e presidente del PP de Ribadumia. De feito, Serantes substituiu a ex alcaldesa de Ribadumia en 2006 ao fronte do partido tras impulsar louzán unha xestora local.
É membro da directiva do PP de Pontevedra, tal e como recolle a súa web .Curiosamente, o seu irmán, Luis Serantes Álvarez, --tamén integrante da dirección provincial do PP de Pontevedra--, figura como xefe de gabinete de Presidencia da Deputación de Pontevedra.
O propio Martín Serantes é asesor da deputación e dirixe o bufete de Avogados Bufete Serantes y Gallego que ten traballado, tamén, para o concello do que é concelleiro, o de Ribadumia. En xullo de 2010 defendeu a este municipio nun pleito no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Neste despacho traballa como socio Albeto Gallego Rivera, sobriño do senador e ex alcalde de Vilagarcía de Arousa, José Luis Rivera Mallo. Gallego Rivera tamén se encargou de defender ao concello de O Grove en varios procesos xudicias. o Bufete Serantes y Gallego tamén foi beneficiado, en agosto deste ano, do II plan de práctica laboral da deputación 2013, para mozos titulados universitarios e de formación profesional.
Por outra banda, Martín Serantes figura en 2009 como vogal do consello de administración da autoridade portuaria de Vilagarcía de Arousa, en representación da Xunta, xunto con outros dirixentes do PPdeG, como José Manuel Cores Tourís, Juan Maneiro Cadillo ou Covadonga Salgado Blanco.
A familia de Serantes tamén recibiu varias axudas da Xunta e da deputación. Así, en 2004, o Goberno galego concedeulle una subvención de 135.000 euros para as instalacións da bodega Serantes Álvarez, SL.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.