Temas: EMPREGO

A acreditación de competencias realizarase durante todo o ano e incluirá todas as familias profesionais

O obxectivo é ir ampliando o abanico dispoñible para a súa acreditación incorporando outras que tamén se inclúen no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O proceso de acreditación de competencias profesionais estenderase en Galicia a todo o ano e a todas as familias. Así o sinalou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tras a publicación no Diario Oficial de Galicia da orde que regula o proceso para recoñecer as competencias adquiridas a través da experiencia laboral.

Trátase da primeira vez que o proceso estará aberto de forma permanente e a todas as familias profesionais. Outra das novidades é a desaparición do límite de prazas, polo que as persoas interesadas poderán realizar tantas solicitudes como consideren.

En Galicia poderán acreditarse as 1.125 unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, que conforman os módulos dos ciclos de FP das 23 familias profesionais.

O obxectivo é ir ampliando o abanico dispoñible para a súa acreditación incorporando outras que tamén se inclúen no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

O proceso desenvolverase, inicialmente, nos Centros Integrados de FP (CIFP), aínda que Educación prevé a súa expansión de maneira progresiva aos institutos que imparten este tipo de ensinos. Desde o ano 2011, a Consellería expediu un total de 42.225 acreditacións a 10.937 persoas.

Os interesados en participar deberán ter 18 anos cumpridos, experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que desexen acreditar e non poderán estar matriculadas nun ciclo de FP.

DISTINTAS FASES

O sistema de avaliación mantense invariable respecto de convocatorias anteriores. As candidaturas serán avaliadas, en primeiro lugar, polos equipos de admisión de cada centro para despois pasar á fase de asesoramento.

Nela informarase sobre o Sistema nacional de cualificacións, o procedemento e outras cuestións, e realizarase unha entrevista persoal individual á candidata para axudarlle a explicitar as competencias e aprendizaxes adquiridas, entre outras cuestións.

Finalmente, a persoa asesora elaborará un informe para incorporar ao expediente, que terá carácter orientador, onde se indicará de forma motivada se hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades.

A seguinte fase, de avaliación, terá por obxecto comprobar se a persoa candidata demostra a competencia profesional requirida nas realizacións profesionais, nos niveis establecidos nos criterios de realización e nunha situación de traballo, real ou simulada.

Para iso, elaborarase un plan individualizado de avaliación. Finalizada esta etapa, incluiranse no expediente os resultados da avaliación de cada unha das unidades de competencia e ditarase, de ser o caso, a proposta de acreditación.

Na última fase, expediranse as acreditacións de unidades de competencia, que terán carácter oficial, con validez en todo o territorio do Estado español.

Arquivo - Taller de motocicletas.. ACEM - Arquivo
Arquivo - Taller de motocicletas.. ACEM - Arquivo | Fonte: Europa Press

Temas: EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta