Alertan sobre os proxectos eólicos e liñas de alta tensión, que rodearían "totalmente" as vivendas de Encrobas

SOS Encrobas e Salvemos a Comarca de Ordes convocan unha reunión para informar á veciñanza destes proxectos e piden transparencia por parte do concello e as empresas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/06/2021 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

As plataformas SOS Encrobas e Salvemos a Comarca de Ordes lanzan unha alerta antieólica de urxencia co obxectivo de mobilizar a toda a veciñanza do municipio de Cerceda e sensibilizar á poboación ante a grave ameaza que supoñen os diferentes parques eólicos e novas liñas de alta tensión que hai proxectados para este concello coruñés.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

Así, veñen de convocar unha reunión, á que animan a asistir a todas as persoas da contorna, este próximo martes, 22 de xuño, ás 21:00 horas, no Campo da Feira de Cerceda, para informar sobre os proxectos enerxéticos que hai a día de hoxe enriba da mesa e que se están a tramitar xa na Xunta de Galicia, sen que nin por parte do concello nin das empresas se dea información clara e directa. Así, acusan ao alcalde de non actuar coa transparencia que debería e de que desde o Concello non se responda ás peticións que se lle teñen realizado nos últimos meses para que se reúna coa veciñanza e explique cales son os plans industriais que hai para o municipio e cal é a postura do Consistorio ao respecto.

SOS Encrobas advirte de que de saír adiante os parques eólicos proxectados para a contorna da central térmica, da escombrera e do lago das Encrobas, as vivendas das aldeas da parroquia de Encrobas quedarían totalmente rodeadas de muiños de vento de 200 metros de alto, é dicir, tan altos como a chimenea maior da central térmica, e algúns deles estarían situados a escasos 500 metros das casas, unha distancia totalmente insuficiente.

A plataforma denuncia que Naturgy está a tramitar na Xunta dous parques eólicos, o que chaman Parque Eólico Meirama, e o que chaman Parque Eólico Encrobas, ambos os dous nesa contorna, o que impediría poder rexenerar como se merece unha zona que foi altamente castigada no seu día coa minaría a ceo aberto e todo o que supuxo a explotación de carbón na zona.

Así, reclama que se paralicen estes proxectos e que busque para a zona un futuro no que as persoas que viven nas aldeas poidan ter unha vida digna. Neste sentido, nos últimos días, están a verse en numerosos muros e fachadas das casas do concello de Cerceda, pancartas colgadasque reclaman Aldeas con vida e nas que se pode ler “Non aos eólicos cerca das casas”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta