A Audiencia Nacional estudará este martes os recursos contra a prórroga a Ence para seguir na ría de Pontevedra

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, sinala que ante a falta de coñecer a decisión da Audiencia Nacional sobre a prórroga, o Goberno debe "dar unha solución concreta" á pasteira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Os maxistrados da Audiencia Nacional reúnense este martes para deliberar sobre os recursos contra a prórroga que permite a Ence permanecer na súa actual localización nos terreos de Lourizán, xunto á ría de Pontevedra, ata o ano 2073.

O Concello de Pontevedra, a Asociación Pola Defensa da Ría e Greenpeace foron os que interpuxeron recursos contra a decisión, que se deriva da modificación da Lei de costas que realizou o Goberno central co popular Mariano Rajoy á fronte. O Executivo que agora dirixe o socialista Pedro Sánchez achandouse no proceso.

Os escenarios que se abren a partir do que decidan os maxistrados --un fallo que está previsto que se coñeza nos próximos días-- é que a planta se vexa abocada ao peche (se rexeitan a prórroga por completo), o seu mantemento ata 2073 (se pola contra aválana) ou que siga no seu emprazamento pero só ata 2033 (se atenden parcialmente os recursos).

Neste contexto, en declaracións aos xornalistas, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, constatou que, "lamentablemente, está nunha situación de inestabilidade propiciada por unha decisión do Goberno, que está a trasladar incerteza e inseguridade".

Nese sentido, lembrou que, vinculadas a Ence, hai en Galicia 5.000 familias "que dependen do sector forestal" e, na mesma situación, están gran parte da actividade do porto de Marín, a industria auxiliar ou o transporte. "Non é unha opción non garantir a continuidade (en Lourizán), esperamos que o Goberno poida reaccionar", incidiu.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou, "independentemente" da sentenza, que o Concello seguirá "loitando" para "recuperar un espazo natural" cun valor ambiental que entende "superior" ao que na actualidade ten. Desde o seu punto de vista, a prórroga foi "ilegal" e a posición do Consistorio "é histórica" e pasa por "loitar por todas as vías posibles" para "conseguir recuperar a ría de Pontevedra".

O recurso do Concello empregaba "argumentos xurídicos irrefutables", ao seu xuízo, polo que o rexedor espera que sexan tidos en conta. Fronte a isto, critica que a posición que mantén o PP "significa un agravio comparativo para os empresarios que teñen que buscarse a vida" con outros emprazamentos.

Ademais, censura que "quen non fixo nada durante moitos anos foi a Xunta, que ten as súas competencias" nesta materia. En calquera caso, admitiu que "un período transitorio" ante o peche da fábrica non lle parecería "mal".

Biofábrica de Ence en Pontevedra / Santos-Diez - Europa Press. / Europa Press
Biofábrica de Ence en Pontevedra / Santos-Diez - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta