Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 18:53
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, é desde a mañá deste martes "unha galega máis" vacinada contra a covid-19 tras recibir a primeira dose na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a súa cidade de residencia.
A líder nacionalista subiu un vídeo a redes sociais tras recibir a primeira picada da vacina no que envía unha mensaxe de recoñecemento a "todo o persoal sanitario, que está a demostrar ser fundamental".
Tras mostrar o seu "agarimo" e "orgullo" por estes profesionais, Pontón comprometeuse a "traballar para que a sanidade pública nunca máis teña precariedade" e, deste xeito, continúe sendo "a base para construír unha sociedade máis xusta".
"A pandemia deixou claro que necesitamos si ou si reforzar a sanidade pública", engadiu a portavoz do Bloque, que tamén quixo facer fincapé na importancia da ciencia porque "sen ela non habería vacina".
"Pero non pode depender só das multinacionais, por iso hai que reforzar o sistema público de investigación", engadiu Pontón, que se une á lista de políticos que xa recibiron as primeiras doses da vacina contra o covid-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.