A conselleira de Medio Ambiente sitúa Sogama como a planta de tratamento "máis eficiente de Europa"

Ángeles Vázquez reivindica a súa seguridade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/06/2021 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu este mércores que Sogama é a planta de tratamento de lixo "máis eficiente de Europa", cunha capacidade de ata tres millóns de quilos de residuos urbanos ao día.

A conselleira Ángeles Vázquez no Parlamento
A conselleira Ángeles Vázquez no Parlamento | Fonte: Xunta de Galicia.

Así o trasladou en resposta a unha pregunta do deputado Luís Bará (BNG) na que advertía dos problemas de funcionamento do complexo ante unha suposta avaría na planta de incineración que estaría a provocar unha situación de colapso nas instalacións de recepción e clasificación de residuos, levando a que gran parte se deriven directamente ao vertedoiro de Areosa.

Bará advertiu das condicións nas que se traballa neste emprazamento, con "falta de iluminación e de seguridade. Doutra banda, ironizou co "auténtico desastre" da planta de compostaxe e o "fracaso" de Sogama ante os datos de reciclaxe, que chegan ao 15 por cento e sitúan a Galicia "á cola" do Estado e de Europa, ademais de reprochar o "monopolio" do grupo Valtalia sobre catro dos grandes contratos do complexo de Cerceda.

"A planta está operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano", defendeu Ángeles Vázquez, que reiterou que estas instalacións dan servizo ao 94% dos concellos galegos cumprindo con todos os requisitos ambientais, rigorosas medidas de prevención e coa Lei de contratos do sector público.

Respecto diso, asegurou que Sogama "traballa coa máxima pulcritude, co máximo control e responsabilidade", e incidiu en que cada xornada se tratan no complexo de Cerceda máis de 2,2 millóns de quilos de residuos, que na época estival pode conseguir picos de ata os 3 millóns.

Por iso, lamentou que se tente alarmar e xerar confusión cando as plantas de valorización enerxética, como o caso de Sogama, son instalacións sobre as que rexe un exhaustivo control con numerosas inspeccións ambientais de carácter mensual, trimestral, semestral e anual.

Vázquez engadiu, ademais, que o vertedoiro de Areosa reduciu nun 98,6% o depósito directo, ao pasar das case 414.000 toneladas de lixo en 2008 ás 5.473 en 2020.

En materia de biorresiduos, insistiu en que a Xunta seguirá traballando para axudar aos concellos galegos a implantar a recollida, para o que se investirán 35 millóns de euros na a construción de tres novas plantas e adaptar as 13 de transferencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta