O actor Martiño Rivas formará parte dun equipo de catro 'influencers' galegos para promocionar o Camiño

Trátase dunha campaña da Xunta 'Instagrammers non Camiño', que presentou este sábado en Vigo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Por E.P. | VIGO | 03/07/2021 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

Os 'influencers' galegos Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, que suman catro millóns de seguidores en Instagram, farán catro etapas do Camiño Portugués da Costa a partir do próximo xoves, 8 de xullo, ata chegar a Santiago o domingo, día 11, para coñecer de primeira man e promocionar a ruta xacobea entre a mocidade.

Trátase dunha campaña da Xunta 'Instagrammers non Camiño', que presentaron este sábado en Vigo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, nun acto no que tamén participaron o catro protagonistas da iniciativa.

"Moda, tendencias, estilo de vida, humor, cinema, teatro... Todo iso representan estes catro galegos que co seu talento e o seu carisma conquistaron a catro millóns de persoas que seguen cada día as súas contas, os seus traballos profesionais e as súas recomendacións", explicou Rueda, quen insistiu na necesidade de promocionar os hashtags '#GaliciaDestinoSeguro' e '#CamiñaAGalicia' para chegar a cada vez máis xente.

O catro 'influencers' converteranse en peregrinos durante catro días para facer un itinerario que nin Cristina Cerqueiras nin Xurxo Carreño fixeron aínda. A primeira, durante a súa intervención, confesou que será "moi bonito" poder "facer un pouco de exercicio, vivir a experiencia do Camiño e seguir presumindo de Galicia" a través das redes sociais.

Así, Carreño indicou que unha das súas grandes afeccións é a natureza, polo que poder facer esta ruta xacobea suporalle "un auténtico reto" que retransmitirá a todos os seus seguidores.

Pola súa banda, Gala González relatou que leva xa anos facendo o Camiño, concretamente todos os anos Xacobeo, xa que era unha tradición do seu colexio da Coruña. "O bonito da experiencia é poder tamén ter un pouco de tempo para un mesmo, para reflexionar e que nos permita coñecer recunchos marabillosos da nosa terra", destacou.

Ademais, o actor Martiño Rivas expresou que, para el, o Camiño de Santiago é "un sentimento espiritual, unha oportunidade de renacer do corpo e da mente". "Volver nacer e volver soñar", puntualizou.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto aos 'influencers' galegos Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, participantes en 'Instagrammers non Camiño'.. MVR
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto aos 'influencers' galegos Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, participantes en 'Instagrammers non Camiño'.. MVR | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta