Temas: BNG XUNTA PSOE

Reaccións ao novo Goberno: Feijóo desexa un "cambio na forma de actuar" do Executivo

O BNG espera "un punto de inflexión" na "relación con Galicia", e o popular Alfonso Rueda ve "razóns dabondo" para acometer esta reforma do equipo de Sánchez: "Ten ministros queimados". G. Caballero, pola súa banda, desexa aos novos ministros "moitos acertos" ante os retos da reactivación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, mostrou o seu desexo de que o novo Executivo de Pedro Sánchez "cambie a súa forma de actuar" e considerou que Podemos e os independentistas "seguirán marcando" a acción do Goberno. Nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social 'Twitter' tras coñecerse os cambios no Goberno central, o máximo mandatario autonómico traslada a colaboración da Xunta co novo Executivo pero lamenta que se manteña "o número de ministerios máis alto da democracia".

"A @Xunta ofrecerá a súa colaboración ao novo Executivo e oxalá cambie a súa forma de actuar. Parece que todo seguirá igual, esperemos equivocarnos. Mantense o número de ministerios máis alto da democracia e Podemos e independentistas seguirán marcando a acción do Goberno", asegura a mensaxe.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confía en que este novo Goberno central capitaneado por Pedro Sánchez supoña "un punto de inflexión" na súa "relación con Galicia" despois de dous anos nos que "incumpriu o acordo de investidura" asinado en xaneiro de 2020 entre o PSOE e o Bloque.

En declaracións remitidas aos medios tras o anuncio da crise do Executivo, a líder nacionalista sinala que isto "responde aos intereses do Partido Socialista e de Pedro Sánchez", xa que "as persoas son importantes, pero o máis relevantes son cales son as políticas que se impulsan" desde o novo equipo. Por iso, dixo esperar que esta remodelación signifique "unha nova etapa no relativo á súa relación con Galicia", xa que o pacto de investidura non era "cunha forza política", senón "con Galicia", subliñou Pontón.

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG menciona a aplicación das peaxes na AP-9; un "impulso a infraestruturas básicas" como o ferrocarril e as autovías galegas; "solucións para a industria", señaladamente para Alcoa San Cibrao; e a atención á dependencia despois da "débeda histórica que deixou o Goberno do PP" nesta materia.

Ademais, Pontón reclamou que a remodelación sexa "un punto de inflexión para cumprir moitos dos aspectos centrais" da Lexislatura como "a derrogación" da chamada 'Lei Mordaza', das reformas laborais e dun modelo no que "o centralismo non sexa o que impere na recuperación económica e na distribución dos fondos 'Next Generation'". "Levamos moito tempo esperando que ese cambio se produza e avaliaremos este novo Goberno polo seu compromiso con Galicia e cos dereitos sociais", resumiu a portavoz nacional do BNG.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desexou este sábado aos novos ministros e ministras "moitos acertos ante os retos da reactivación". Tras o anuncio dos cambios no Goberno de España, destacou que a remodelación do executivo é unha competencia do presidente, quen xa sinalou a tarefa da recuperación como a prioridade da tarefa gobernamental. "Comparto plenamente que a prioridade da lexislatura vai ser a reactivación económica", apunta.

Xunto coa importancia de seguir coa estratexia de vacinación que levará a que o 70% dos españois e españolas estean inmunizados fronte á covid ao longo deste verán e de continuar impulsando a saída da crise, Gonzalo Caballero apuntou que seguirá defendendo "os intereses de Galicia" e que seguirá propoñendo medidas e solucións "ás preocupacións dos galegos e das galegas" na mesa do goberno. Ao fío diso, fixo referencia ao ascenso da galega Nadia Calviño á vicepresidencia primeira do Goberno para sinalar a súa "capacidade" para pilotar a saída da crise motivada pola pandemia.

Pola súa banda, nunha mensaxe publicada a través da rede social Twitter, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, felicitou os novos integrantes do Executivo estatal. Ademais, trasladou o seu agradecemento "persoal" José Luís Ábalos e Carmen Calvo, cos que asegura ter "maior contacto" nestes meses.

ALFONSO RUEDA

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que ve "razóns dabondo" para que o titular do Goberno estatal, Pedro Sánchez, decida acometer esta reforma do seu equipo, porque ten "ministros absolutamente queimados". Rueda sinalou como Sánchez ten membros no seu Executivo de cuxa labor "el mesmo se encargou de descualificar persoalmente".

Neste sentido, mencionou ao ministro de Consumo, Alberto Garzón, protagonista dunha polémica nos últimos días ao impulsar unha campaña para reducir o consumo de carne que contou con críticas da parte socialista do Goberno. En calquera caso, o vicepresidente primeiro da Xunta --quen á súa vez é presidente do PP da provincia de Pontevedra-- advertiu que a remodelación "é unha potestade que lle corresponde a todo presidente do Goberno". "Perso se (vostede) me pregunta se hai razóns de que moitos membros dese Goberno sexan substituídos, eu diría que si", concluíu Rueda.

Temas: BNG XUNTA PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta