Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 21:10
Máis dun milleiro de persoas secundaron este domingo na Coruña a manifestación convocada por diversas asociacións LGBTIQ+ en repulsa da violencia LGBTIfóbica, e que serviu tamén para pedir xustiza para Samuel, o mozo de 24 anos que morreu tras recibir unha malleira na madrugada do pasado sábado.
A manifestación organizouse como protesta contra os delitos de odio contra o colectivo LGBTI e en Galicia tivo o lema 'Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza'. Segundo afirmara a organización, "está convidado todo aquel que queira participar en protesta e negación de calquera actitude violenta, poñedo foco especial na vivida polo colectivo". "Esta manifestación organízase para reclamar, simplemente, xustiza. Xustiza por todas as agresións que sofre o colectivo LGBT, e respecto ao feminismo e persoas racializadas, entre outras", explicou unha das organizadoras da protesta, Andie Sánchez, de Avante LGBT.
A protesta comezou ás 19,30 horas na Praza da Palloza e percorreu as rúas da cidade herculina ata finalizar na emblemática Praza de María Pita. Alí, tal e como sinalara a organización, reservouse un lugar diante do Concello para as persoas que, por motivos de diversidade funcional, o necesitasen.
Con lemas como 'Non son mortes, son asasinades', 'Samuel, irmán, non estás só' ou 'eu tamén son un marica de merda', a multitude avanzou pola Avenida da Mariña --onde recibiron o apoio de vehículos e autobuses que fixeron soar o claxon ao seu paso-- ondeando bandeiras representativas do colectivo, distintivos negros en sinal de loito pola morte de Samuel e diferentes pancartas nas que podía lerse 'o racismo peléxase, non se branquexa' ou 'Samu, irmán, nós non esquecemos'.
"Para acabar con isto o que fai falta é educación e saír ás rúas para que isto chegue aos altos estándares, á política, a todos", sinalou Andie Sánchez, que recalcou que a morte de Samuel foi o "detonante" de todo un movemento que reclama igualdade para o colectivo LGBTI. Respecto da morte do mozo coruñés, a secretaria de LES Coruña -outra das entidades organizadoras--, Begoña Lourido, quixo transmitir o seu apoio ás amizades e familia de Samuel: "O que pasou dóenos cada día, é inconcibible, inxustificable e intolerable. O colectivo LGBTI só reclama respecto, non nos metemos con ninguén".
Varios dos organizadores, entre eles Lourido e Alexandre Garrido, de Avante Liberdade, solicitaron unha regulación "non homofóbica", que "respecte" o colectivo LGBTI. "Non imos permitir que se dean pasos atrás na consecución de dereitos para o colectivo", asegurou Garrido, que criticou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, á que acusou de exercer unha "LGBTIfobia constante desde que entrou no Concello".
No transcurso da protesta, a única incidencia deuse cando un exaltado irrompeu no medio da multitude con proclamas en contra dos manifestantes, que seguidamente lle contestaron a un tempo: "Fóra fascistas dos nosos barrios". Finalmente, a Policía retirou este home do lugar.
PROTESTAS POR TODO O ESTADO
A deste domingo englóbase en toda unha serie de concentracións que se convocaron para este fin de semana por toda a xeografía do Estado e é, ademais, a segunda que se realiza esta semana, tras as multitudinarias concentracións do pasado luns. Ese mesmo día, na Coruña, miles de persoas abarrotaron a Praza de María Pita ao berro de 'Xustiza para Samuel'.
A concentración chega tras o paso a disposición xudicial o pasado venres dos seis detidos pola súa vinculación co crime de Samuel. A maxistrada titular do Xulgado de Instrución nº1 da Coruña decretou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, dos tres homes arrestados --por existir risco de fuga e de eliminación de probas--. Sobre eles pesará un delito de homicidio ou asasinato, algo aínda por determinar por parte da audiencia.
A muller arrestada, pola súa banda, foi posta en liberdade coa condición de comparecer no xulgado, mentres que os dous menores investigados, tras pasar a disposición xudicial na tarde dese mesmo venres, foron enviados a un centro de menores. Fontes policiais e da delegación do Goberno insisten en que "todas as liñas de investigación seguen abertas" e en que as pescudas "seguen o seu curso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.