Rueda acusa o BNG de "turismofobia" contra o Xacobeo

O vicepresidente primeiro da Xunta critica a campaña 'Rachemos co Xacobeo', da organización xuvenil nacionalista Galiza Nova.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recriminou que o BNG "se sacou a careta" coa súa "turismofobia" contra o Xacobeo, en referencia á campaña 'Rachemos co Xacobeo', da organización xuvenil nacionalista Galiza Nova, que posteriormente retirou.

Comparecencia de Rueda no Parlamento na que critica a campaña de Galiza Nova. XUNTA
Comparecencia de Rueda no Parlamento na que critica a campaña de Galiza Nova. XUNTA | Fonte: Europa Press

En resposta a unha pregunta do PPdeG, Rueda sacou fotos da campaña de Galiza Nova para denunciar que ao Bloque "non lle gusta o Xacobeo" e "non lle gusta que veñan moitas persoas como turistas a Galicia".

Respecto diso, reprobou a "covardía política" e o "ridículo" do Bloque, que retirou esta campaña ao "día seguinte" da súa posta en marcha.

Así mesmo, Rueda valora a recuperación de peregrinos en pleno Ano Santo, pois esta semana alcanzaranse os 35.000 camiñantes, cun mes de agosto á "alza" e un segundo semestre "esperanzador".

Nesta liña, Borja Verea (PP) cargou contra a campaña de Galiza Nova, que "é unha auténtica aberración" e lamenta a súa "agresividade conceptual".

POSTURA DO BNG

Na seguinte iniciativa sobre outro tema tomou a palabra Luís Bará (BNG), quen aproveitou para reprochar que Xunta e PP utilicen o Parlamento para "atacar ao BNG". "É un sinal de que estamos a facer as cousas ben", asegurou.

Ademais, dixo que "non hai caso" porque esa campaña se retirou. Igualmente, sinalou que o Bloque reproba a "utilización partidista do Xacobeo" e que "queiran substituír toda a política cultural polo Xacobeo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta